DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Acaba de cumprir sete anos o pasado novembro

O Club Deportivo CAFyD, máis que un equipo de fútbol sala

Ademais de competir asume outras competencias como o apoio ao alumnado no desenvolvemento de activid

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijoo DUVI 18/01/2011

O Club Deportivo Ciencias de la Actividad Física y Deporte, máis coñecido como CAFyD, fai balance dos seus sete anos de existencia, cumpridos o pasado mes de novembro, recoñecendo “que está a vivir o mellor momento desde a súa creación en 2003”, en palabras do presidente e adestrador Manuel Sánchez, ademais dun dos principais precursores. A pesar de que a faciana máis coñecida de CAFyD sexa a da competición na liga provincial de fútbol sala, o certo é que desde a súa sede, situada na Facultade de Ciencias de Educación e do Deporte, trátase de potenciar o deporte e “tódalas cousas novas que o alumnado queira levar adiante para complementar a súa formación”, apunta o presidente.

O Club Deportivo CAFyD é unha realidade que tivo os seus alicerces e aos primeiros impulsores na segunda promoción da licenciatura de Educación Física e do Deporte e na actualidade “trátase da única asociación deportiva que pertence á nosa facultade”, aclara Manuel Sánchez. A idea de montar un equipo de fútbol sala naceu como unha necesidade de diversificar as saídas profesionais que ofrecía a titulación. En palabras do adestrador “antes só había dúas alternativas, o alto rendemento ou opositar, campos nos que tiñamos moita competencia cos estudantes de FP, técnicos superiores e cos cursos de adestradores”. De aí que varios alumnos, entre os que destaca o actual presidente, e coa colaboración do profesorado, deseñaran un club “que abrise máis campos de especialización para a nosa carreira, como exercer labores de xestión dentro dun equipo federado, conseguindo experiencia e formación para os que nun futuro queiran traballar neste eido”, explica Sánchez.

A pesar de que a vertente máis coñecida deste club deportivo sexa o seu perfil máis competitivo, como ben apunta o seu presidente, “as nosas funcións non só quedan reducidas ao mundo do fútbol sala”. Funciona como unha especie de asociación que asesora e apoia ao alumnado en materia de organización de cursos e actividades que sirvan de complemento, levando a cabo propostas innovadoras que enriquezan e difundan á titulación en Ciencias de Educación Física e do Deporte. Como engade Manuel Sánchez “o ano pasado un rapaz requiriunos para levar a cabo un curso de loita grecorromana, nós facilitámoslle todo o posible e o curso finalmente fíxose”. Ademais, o CAFyD participa activamente en varias iniciativas que tentan achegar o deporte á cidadanía pontevedresa, como a súa colaboración en Noites Abertas, organizado polo Concello, un programa de ocio alternativo que irá de febreiro ata maio, no que se ofrecen “actividades deportivas e culturais para pasar as noites de forma saudable”.

'Acércate', unha campaña informativa

Para dar a coñecer todas as actividades que CAFyD leva a cabo, este ano decidiron pór en marcha unha campaña de carácter informativo, Acércate, “coa que se pretende estar máis preto da comunidade universitaria”. Desenvolveron unha primeira toma de contacto na Facultade de Ciencias de Educación e do Deporte onde puxeron a coñecemento de todos os interesados a finalidade do club, ademais de tentar captar socios e de expor o equipamento dispoñible á venda. Teñen intención de trasladar neste novo ano a campaña a outras facultades e escolas do campus pontevedrés. Por outra banda, potenciando o seu espírito de “ir medrando paseniño, paseniño” crearon a iniciativa Pé de Pista, material audiovisual cunha canle en Youtube na que divulgan os resumes semanais dos partidos así como entrevistas aos propios xogadores e a persoal do equipo visitante. “Tivo unha grande aceptación, pasamos de 100 reproducións a vídeos con máis de 1000 visionados”, apunta Manuel Sánchez. Ademais dispoñen de contas en Facebook e Tuenti a través das cales tamén tentan promocionarse, contando con máis de 600 seguidores.

Balance da primeira volta

Nesta temporada o primeiro equipo está a loitar polos primeiros postos da liga provincial, tendo posibilidades reais para ascender á categoría autonómica. Como explica o adestrador “imos segundos na clasificación e dependemos de nós mesmos para gañar a liga”. Así, un dos obxectivos que CAFyD se marca a curto prazo é poder enfrontarse para o ano cos mellores equipos galegos de fútbol sala de Galicia o que se traducirá “nunha maior visión do equipo”. A nivel de club xa definiron as expectativas para a próxima temporada, como a de crear escolas deportivas de base “conseguindo a extensión do club e que non sexa patrimonio soamente de xente universitaria”, en palabras do presidente. Así mesmo teñen a intención de que “esta familia creza un pouco máis”, ampliando o abano de deportes practicados baixo as súas siglas.