O investigador da EE Forestal foi un dos recoñecidos na primeira edición destes galardóns
O Clúster da Biomasa premia a traxectoria investigadora do catedrático Luis Ortiz
Destaca a súa faceta de “precursor nos estudos de densificación da biomasa”
Como un “precursor nos estudos de densificación da biomasa dende a década” de 1980 e como un “defensor do aproveitamento enerxético” destes materiais, “que situou á Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra como un provedor de referencia na prestación de servizos de caracterización de biocombustibles”. Deste xeito presentaba o Clúster da Biomasa de Galicia o catedrático da Universidade de Vigo Luis Ortiz, ao que este venres outorgaba o galardón á traxectoria investigadora na primeira edición dos Premios Biomasa Galega.
“É como se che recoñecese a túa propia familia”, recoñecía Ortiz tras recibir esta distinción, nun acto inserido na programación da feira Galiforest e clausurado polo director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Jacobo Aboal. Non en van, lembrou o catedrático, a Universidade de Vigo é un dos socios fundadores deste clúster, integrado a día de hoxe por “toda unha serie de empresas coas que colaboramos” desde o Laboratorio de Enxerías Xiloxeradas da Escola e que contribuíron ao crecemento deste sector en Galicia nas últimas décadas. De aí que Ortiz poña de relevo a “implicación persoal” deste premio á traxectoria investigadora, que define como “un recoñecemento agarimoso da túa propia xente”.
Oito libros sobre biomasa, preto de 25 artigos científicos JCR, a súa participación “en ducias de proxectos de investigación nacionais e internacionais”, e a colaboración “con centos de empresas do sector” forman parte da traxectoria deste investigador do grupo AF4, doutor enxeñeiro de montes pola Universidad Politécnica de Madrid, que se incorporaba en 1993 á Escola de Enxeñaría Forestal da UVigo. Tras participar previamente nos primeiros proxectos centrados na biomasa que tiveron lugar en España, no Ciemat de Soria, Ortiz contribuíu no centro do campus pontevedrés á creación “do primeiro laboratorio e da primeira planta piloto" de enerxías xiloxeradas de Galicia, así como á posta en marcha “da primeira materia que houbo en España sobre xiloenerxía”.
“Unha pata imprescindible no sector forestal”
Xunto a Ortiz, estes primeiros Premios Biomasa Galega distinguiron o labor das empresas Nudesa e Ceamsa no eido da descarbonización, a traxectoria empresarial de José Carlos Alonso e as apostas pola biomasa do Concello de Portas e a Axencia Galega do Desenvolvemento Rural, á vez que recoñecían a traxectoria do exdirector de Xera Ignacio Lema coa presidencia honorífica do Clúster.
Fíxoo nun acto que abriu a intervención do presidente do clúster e egresado da EE Forestal, Francisco Álvarez, e que se insería na programación da “feira forestal máis relevante a nivel estatal”, o que, como salienta Ortiz, contribúe a pór de relevo que a biomasa é hoxe en día “unha pata imprescindible no sector forestal galego”.
Dirixida a pór en contacto os diferentes elos da cadea monte-industria, a sétima edición de Galiforest reúne no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude, en Boqueixón, 107 expositores de sete países, entre os que se atopa a propia Escola de Enxeñaría Forestal, que conta cun posto no que dar a coñecer ás e aos profesionais do sector tanto a súa oferta formativa como os resultados de diferentes proxectos de investigación.