DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dirixido dende as unidades de Medicina Deportiva e de Actividade Física

Comeza o programa "Ponte en forma" para mellorar a saúde da comunidade universitaria

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Marta Casanova DUVI 12/02/2008

O proxecto Ponte en Forma comeza este mes no campus para achegar aos membros da comunidade universitaria á práctica do deporte. Mediante un programa de exercicios realizado por licenciados en Educación Física e supervisado por un médico especialista, todos os interesados poderán mellorar a súa saúde de xeito personalizado.
O programa é a novidade estrela da Área de Deporte e Saúde que está composta pola Unidade de Medicina Deportiva e pola de Actividade Física Personalizada. Ambas traballan conxuntamente para darlle o respaldo profesional necesario aos participantes. Como explica Juan José Crespo, médico especialista en Medicina da Educación Física e do Deporte, “a actividade física é o mellor fármaco para practicamente todos os problemas de saúde e emocionais da sociedade desenvolvida, que se caracteriza por un sedentarismo exacerbado e curiosamente cada vez máis na mocidade”. Pero como non todo o mundo pode realizar calquera deporte, debe realizarse dun xeito controlado. Precisamente para isto nace o servizo que pretende “animar á comunidade universitaria á realización de actividade física supervisada. Primeiro realizamos unha revisión médica básica que consta dunha exploración física, dun estudo do peso e de masa muscular e de graxa, así coma dun electrocardiograma e incluso, se é necesario, dunha espirometría ou proba de esforzo” comentou o doutor.
Unha vez analizada a saúde da persoa e coas indicacións do recoñecemento, será o licenciado en Actividade Física, Guillermo Santos, o que planificará os exercicios a realizar para mellorar a súa condición física.
Santos comentou que “cos informes médicos do doutor elaboraranse os exercicios tendo en conta as súas consignas para facer un programa individualizado cun seguimento directo. A idea é que dure 4 meses e conte cunha revisión inicial e outra final, ademais dun control permanente” explicou.
Seguindo o exemplo do campus de Vigo, que xa conta cunha área de Deporte e Saúde, o de Ourense súmase no que é “un servizo pioneiro nas universidades españolas. En Vigo leva funcionando dous anos e, practicamente, participan por igual alumnos, profesorado e PAS” comentou Juan José Crespo.

Máis información

O programa Ponte en forma está dirixido a todos os membros da comunidade universitaria. Cun prezo de 60 euros o cuadrimestre, inclúe a revisión deportiva básica por parte dun médico especializado e a programación e seguimento dos exercicios e o uso das instalacións do campus.
Ademais, dende a Unidade de Medicina Deportiva ofrécense outros servizos como é a revisión médico deportiva avanzada, as consultas deportivas ou dietéticas, o control antropométrico ou a proba de esforzo cuns prezos de entre 20 e 40 euros.
Para máis información os interesados poden dirixirse ao Edificio do Servizo de Deportes no Pavillón Universitario. Alí atoparán a Unidade Médica aberta os martes de 10 a 14 horas e a Unidade de Actividade Física Personalizada os martes, xoves e venres pola mañá e os luns e mércores pola tarde.