"CultuKata’09", do 16 ao 23 de abril
Comezou a conta atrás para a celebración de Santa Kata’09
Concursos, conferencias, actividades deportivas e concertos para a festividade
Corenta e sete días, dez horas, trinta e tres minutos e seis segundos, no momento de comezar a escribir este texto. A conta atrás para que comecen as celebracións de Santa Kata’09 xa botou a andar. Literalmente, porque o grupo de alumnos que traballan na organización da festa e da semana cultural asociada a ela, mantén no seu blog un contador. Concursos, conferencias, actividades deportivas e concertos integran o completo programa de CultuKata’09 que se desenvolverá entre o 16 e o 23 de abril.
Algunhas citas aínda están por confirmar pero outras, como o concurso do deseño da camiseta, xa están en marcha. O alumnado poderá presentar as súas propostas ata o 16 marzo e nos días seguintes procederase á votación. Ao contrario que en anteriores edicións nas que os deseños estaban limitados pola temática da festa, desta vez, segundo explica Alba Somoza, da organización de CultuKata’09, “escollerase primeiro o deseño da camiseta e, en función dela, a temática da festa".
A vida universitaria será o tema do concurso de fotografía que, como os de spots e video, manteñen aberto o prazo de presentación de proxectos ata o 1 de abril. O primeiro premio de cada unha das modalidades será unha “sesión relaxante no complexo deportivo de Campolongo”. Unha boa oportunidade para animar a celebración e dar a coñecer o talento do alumnado da facultade.
Propostas para cada día
A organización tiña previsto abrir formalmente as celebracións, o xoves 16, cunha cena no Pazo da Cultura que reunise a toda a comunidade da facultade. Algo que aínda está no aire, á espera de obter o permiso para empregar o espazo. “Tamén estamos intentando traer a Rober Bodegas para que nos faga un monólogo”, apunta Somoza. CultuKata’09 tamén terá o seu propio Mundialito de fútbol, o luns 20, ao que se poden apuntar todos os membros da Universidade. Cunha cantidade simbólica dun euro poderanse inscribir, no prazo que se anunciará no blog da organización, todos aqueles interesados en participar desta actividade que se desenvolverá no pavillón.O martes estará dedicado ás conferencias e cada titulación contará cunha especializada. No caso de Comunicación Audiovisual o convidado será o escritor, cantante e director Antón Reixa, que posiblemente estea acompañado do actor Luís Zahera, que saltou á fama en Galicia polo seu papel de "Petróleo" na popular serie Mareas Vivas da TVG. Os alumnos de Publicidade e Relacións Públicas estarán especialmente interesados na conferencia dos publicistas de BAP&Conde, axencia creadora da campaña de Gadis ¡Vivamos como galegos!. Os convidados do campo da Xestión e da Administración Pública aínda están por confirmar.
As curtametraxes serán as protagonistas do día 22, no que Jorge Coira, director de O ano da garrapata, proxectará algúns dos seus traballos e comentaraos co alumnado. Tamén se difundirán curtas e proxectos audiovisuais de estudantes da facultade en vésperas de que o xoves, festividade de Santa Catarina de Siena, estoupe a festa, que estará animada con xogos, concursos de baile, concertos e o concurso de Miss e Mister Santa Kata’09, para o que xa se poden presentar candidaturas.