DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O certame está aberto ao alumnado da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal

O Concurso de Proxectos Tecnolóxicos premiará os mellores traballos fin de estudos en informática e telecomunicación

Entregarase un total de 1400 euros en galardóns

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
DUVI 05/12/2017

A Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense e Expourense teñen en marcha unha nova edición, a número 17, do Concurso de Proxectos Tecnolóxicos co obxectivo un ano máis de premiar os mellores traballos fin de estudos en informática e telecomunicación da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. A iniciativa quere vencellar as actividades de I+D+i da universidade no eido tecnolóxico co mundo empresarial, ao mesmo tempo que se estimula a capacidade innovadora do alumnado para desenvolver proxectos cunha visión empresarial. Nesta edición entregarase un total de 1400 euros en galardóns.

Modalidades e premios

Neste certame poden participar alumnos e alumnas das universidades da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, xa que entre os seus obxectivos está fomentar o intercambio de experiencias entre a comunidade universitaria e empresarial galega e lusa. As persoas interesadas en participar poden facelo en dúas modalidades. A Modalidade A é para títulos en Enxeñaría en Informática, Enxeñaría de Telecomunicación e traballos de fin de mestrado de mestrados oficiais relacionados co eido das tecnoloxías da información e as comunicacións. A Modalidade B é para títulos de Grao en Enxeñaría Informática, Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación, Enxeñaría Técnica en Informática e Enxeñaría Técnica de Telecomunicación.

En cada modalidade concederase un primeiro e un segundo premio, entregándose un total de 1000 euros. Ademais, haberá un Premio Especial Deputación de Ourense-Provincia Intelixente dotado con 400 euros no que poderá participar alumnado das dúas modalidades. Por último, haberá un Premio do Público, consistente nunha estancia termal/turismo rural ou nun e-reader para o proxecto que consiga máis seguidores para a súa páxina informativa en Facebook.

Entrega de premios o 13 de decembro

Un xurado designado para a ocasión concederá os premios tendo en conta a calidade do proxecto (orixinalidade, dificultade e aplicabilidade social), se existe desenvolvemento de software libre e a súa aplicabilidade no eido da administración pública na súa relación cos cidadáns. O xurado reunirase o 13 de decembro de 2017 na Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense nunha sesión na que os seleccionados nunha primeira valoración terán a oportunidade de expor os seus traballos. Tras esa exposición, coñeceranse os traballos gañadores desta edición e realizarase a entrega de premios e diplomas.