Un congreso analiza o papel da agricultura ecolóxica na transformación do rural
Será do 2 ao 4 de maio en Monforte de Lemos
Políticas agrarias, desenvolvemento rural, recursos enerxéticos, agricultura tradicional, silvicultura ecolóxica, saúde alimentaria e fertilización son só algunhas das áreas temáticas incluídas no II Congreso de Agroecoloxía e Agricultura Ecolóxica en Galiza que, organizado dende a Facultade de Ciencias Económicas e Empresarias, se desenvolverá do 2 ao 4 de maio en Monforte de Lemos.
O simposio, que nace da crenza de que a transformación do medio rural pasa polo desenvolvemento da agricultura ecolóxica, ten por obxectivo “servir de punto de encontro para a adquisición de información e experiencias”, tal como apunta Damián Copena, membro do grupo encargado da organización do congreso, que engade que “é preciso que o sector empece a medrar para impulsar o cambio, e para isto queremos recoller coñecementos que abarquen todos os ámbitos, dende o máis académico ata o máis práctico”.
Un congreso aberto á participación
Ademais de contar coa presenza de catedráticos, investigadores e técnicos, as xornadas darán voz a agricultores, gandeiros e silvicultores, que son os que día a día se enfrontan ao reto de “converter á agricultura ecolóxica nunha peza fundamental na mellora do mundo rural”, comenta Damián Copena, que engade que “para isto hai que facer uso de estratexias socialmente activadoras, ambientalmente correctas e economicamente rendibles”Pola súa banda, “os interesados en aportar comunicacións relacionadas co tema do congreso, terán a oportunidade de defender os seus escritos persoalmente para que os asistentes os coñezan”, apunta Copena.
Como broche final, o grupo de investigación en Economía Ecolóxica e Agroecoloxía, responsable da organización, ten prevista unha visita de campo para coñecer experiencias de agricultura ecolóxica na Terra de Lemos.
O comité organizador
O comité organizador, que traballa coa finalidade de impulsar o Congreso como un referente galego da investigación teórica e aplicada da agricultura ecolóxica, está presidido por Xavier Simón, profesor do Departamento de Economía Aplicada, e ten como secretaria a Dolores Domínguez, procedente da Wageningen University. En representación da Universidade de Vigo participan ademais Damián Copena e David Pérez, integrantes do grupo de investigación en Economía Ecolóxica e Agroecoloxía.Os membros restantes son Isabel Sánchez Montenegro, concelleira de medio Ambiente de Monforte de Lemos, e Xan Pouliquen, responsable da empresa Xestión Agrogandeira e Natureza, dedicada á asesorar a produtores agrarios.