DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dedicado a Xaquín Lorenzo "Xocas" chega a súa 2ª edición

O congreso "O Patrimonio no século XXI" porá en valor a riqueza etnográfica de Galicia

A partir do 23 de abril na Facultade de Ciencias da Educación

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 08/04/2008
Co obxectivo de servir de punto de encontro aos investigadores que estudan o patrimonio etnolóxico común entre Galicia e Portugal, a Universidade de Vigo únese ao Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo da Deputación de Ourense e Nova Escola Galega para celebrar o II Congreso de Patrimonio no século XXI que terá lugar entre os días 23 ao 28 de abril na Facultade de Ciencias da Educación. Ademais preténdese que todos aqueles profesores que traballen en calquera eido relacionado co patrimonio participen como sector privilexiado de transmisión cultural ás novas xeracións.
Xosé Manuel Cid, antigo decano da Facultade de Ciencias da Educación, encargada de coordinar o evento dedicado ao etnógrafo e escritor Xaquín Lorenzo "Xocas", anima “a todo investigador universitario que traballe en cuestións relacionadas co patrimonio a que non perda a oportunidade de presentar a súa comunicación”. Os interesados terán que enviar o título e un breve resumo do relatorio, de non máis de 150 palabras ao enderezo electrónico xcid@uvigo.es, acompañándoo do nome e do centro de traballo do seu autor. A extensión total da comunicación deberá ser duns 10 folios que serán recollidos dúas semanas despois exposición para a súa publicación no libro de actas.
Aínda que os principais destinatarios son os docentes e os investigadores, tamén os alumnos poderán “escoitar a todos eses referentes no eido etnográfico que se citan nas clases como Manuel Mandianes, González Reboredo, Clodio González, Calo Lourido, Víctor Freixanes ou Iago Seara, entre outros” afirma Cid. E, “pese a que Xaquín Lorenzo non é o protagonista de ningún relatorio, si estará presente de xeito transversal en todos pois é o etnógrafo por excelencia da provincia e os seus traballos aínda non foron superados por ninguén” puntualizou.

Un variado programa

Conferencias, visitas didácticas, actuacións musicais e un obradoiro de xogos populares conformarán un programa “no que se tratou de combinar a parte máis científica de exposición de investigacións con aspectos pedagóxicos de experiencias consolidadas en Galicia, como Ponte nas Ondas, por exemplo. Ademais tamén están representados os portadores, as persoas que manteñen viva a cultura popular en diferentes manifestacións orais” comentou o ex decano “e as casas museo dos escritores Curros Enríquez, Otero Pedrayo, Vicente Risco e Rosalía de Castro da man dos seus directores” engadiu. Todo isto completado con varias visitas para que “os cinco días se fagan moi amenos”dixo.
No traballo de recuperación do patrimonio inmaterial, eixo central do congreso, insírise o Proxecto Ronsel, que o vicerreitor de Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, Iván Area presentará na segunda xornada. "O obxectivo deste proxecto é a posta en valor dun patrimonio descoñecido e que por ser transmitido de xeito oral se está a perder, polo que hai que crear espazos para que o ciclo de aprendizaxe interxeracional se manteña” explicou Cid.
Precisamente por esa necesidade de transmisión de xeración en xeración, “o congreso forma parte das Quintas Xornadas Interxeracionais que celebramos no campus. Os xogos populares que se farán, os portadores e a música estarán integrados nese convite que realizamos aos maiores e aos colexios da zona e que, ademais terán un programa específico na Alameda e na Praza Maior pero que aproveitará a presenza de todos estes profesionais para ter maior calidade e acadar unha maior relevancia” engadiu Xosé Manuel Cid.

Últimos días para matricularse

O Congreso conta con 200 prazas que serán adxudicadas por rigorosa orde de inscrición. Delas 140 están reservadas para o profesorado de Infantil, Primaria e Secundaria, e o resto para estudantes, desempregados, e persoal das entidades organizadoras e colaboradoras. O prezo será de 20 euros para os primeiros e de 10 para o resto, incluídos os desprazamentos a Vilanova, Celanova, Vilar de Santos e Allariz, ademais da comida do sábado 26 de abril. A asistencia estará recoñecida cun diploma e “con dous créditos de libre configuración nas facultades de Empresariais e Turismo, Dereito, Historia e Educación, nas demais están solicitados pero aínda non confirmados” explicou Cid, “e 24 horas de formación pola Consellería de Educación para os funcionarios docentes”.

Programa completo (814 kb)