A oferta residencial aumentaría en 100 prazas
A conselleira de Vivenda visita o espazo escollido no campus para a construción de 50 pisos para estudantes
A conselleira de Vivenda, Teresa Táboas, tivo hoxe ocasión de coñecer no campus de Vigo, o lugar escollido para a ubicación de 50 vivendas para estudantes, que pemitirían aumentar en 100 o número de residentes, dado que os pisos, de 40 metros cadrados, serían ocupados, cada un deles, por dous estudantes. No encontro, previo a visita, mantido pola conselleira co reitor, Alberto Gago, tamén se abordou a posibilidade de desenvolver dotacións de traballo e información para estudantes no Casco Vello de Vigo, así como futuras actuacións residenciais en Pontevedra, unha vez se resolvan os atrancos urbanísticos actualmente existentes.
Durante a súa visita ao campus a conselleira de Vivenda estivo acompañada polo tenente de alcalde do Concello de Vigo, Santiago Domínguez Olveira, o vicerreitor de Planificación, José Cidrás e o arquitecto Xosé Carlos Rodríguez.
Vivendas no campus e espazos de traballo no Casco Vello
Os pisos ubicaríanse en terreos próximos a actual residencia de estudantes que oferta unhas 200 prazas. Cunha superficie duns 40 metros cadrados, as 50 vivendas serían ocupadas, cada unha, por dous estudantes, de xeito que oferta residencial no campus vigués veríase incrementado en 100 prazas. Teresa Táboas valorou moi positivamente a ubicación escollida para a localización das viviendas, ás que se sumaría no Casco Vello de Vigo, dotacións de traballo e información para os estudantes, como salas de lectura. No caso do barrio histórico as actuacións residenciais quedarían para máis adiante, priorizándose os espazos para desenvolver actividades formativas. A materialización destas actuacións sería realidade a principios de 2008, mediante a firma dun convenio entre a consellería de Vivenda e a Universidade de Vigo.O reitor, Alberto Gago, valorou de xeito moi positivo a visita da conselleira ao campus, "queríamos que coñecera in situ a zona elixida para a construción das vivendas e a súa impresión foi moi boa". Pero non só as dotacións residenciais no campus de Vigo centraron a visita de Teresa Táboas ao campus de Lagoas-Marcosende, xa que tamén se falou da posibilidade iniciar algunha actuación en Pontevedra. Segundo Gago, "a conselleira mostrou a súa total disposición neste sentido, aínda que primero é preciso resolver os atrancos urbanísticos que existen en Pontevedra". Na actualidade a Universidade de Vigo non dispón na cidade do Lérez de ningunha dotación residencial para os estudantes, unha carencia coa que se pretende acabar canto antes.