DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No acto de sinatura do convenio polo que a Xunta investirá 5 millóns de euros na Cidade Tecnolóxica

O conselleiro de Innovación afirma que CITEXVI será un dos piares fundamentais para desenvolver solo tecnolóxico en Galicia

Para o reitor, Alberto Gago, será un referente paras as modernas políticas de I+D+i

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 04/12/2007
A achega da consellería de Innovación e Industria, materializada no convenio asinado entre o seu titular, Fernando Blanco, e o reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago, permitirá o desenvolvemento das actuacións necesarias para a creación da Cidade Tecnolóxica no campus vigués. A subvención, que alcanza preto dos 5 millóns de euros, destinarase á definición do proxecto executivo, a creación e dotación de infraestruturas físicas e a dotación de infraestruturas de apoio á dinamización e xestión e os investimentos e gastos asociados coa posta en marcha de Cidade Tecnolóxica.
Trala sinatura do convenio, o reitor da Universidade de Vigo, afirmou que xa cando comezou a desenvolverse a idea de CITEXVI, hai catro ou cinco anos, “sabiamos con total certeza que esta era a única aposta de verdadeiro futuro para a Universidade de Vigo”, ademais de “unha antelación, unha premonición do que logo sería unha moderna política de I+D+i nun país avanzado”.
A sinatura do convenio simboliza, segundo Gago, que “imos polo bo camiño e CITEXVI acertou nos seus obxectivos”. Neste sentido lembrou que Cidade Tecnolóxica nacera coa vontade de asociar e transferir coñecemento, e que neste momento coas obras iniciadas, hai uns meses, e coa previsión de rematalas no primeiro trimestre de 2009, “está todo practicamente reservado o que nos obriga a estar xa traballando na segunda fase”.
O reitor, que destacou a excepcionalidade do formato societario e a xerencia independente, desta iniciativa impulsada pola Universidade de Vigo, agradeceu a colaboración de todos os socios que a integran, como son a Xunta de Galicia, Caixanova,e Zona Franca, representadas estas dúas últimas no acto de sinatura de hoxe, polo delegado do Estado, Francisco López Peña e o director de Negocios, Juan Díaz.

Importante repercusión na modernización do tecido empresarial

Pola súa banda o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, agradeceu a confianza que administración, universidade e empresa privada teñen nas políticas de I+D+i, máxime tendo en conta “ que non dan resultado mañá”. Para Blanco, CITEXVI será un dos piares fundamentais para desenvolver solo tecnolóxico en Galicia e “crear ademais unha rede estratéxica de verdadeiros parques científico- tecnolóxicos, que é unha das materias pendentes”. Para o conselleiro o incremento no número de parques en diferentes puntos de Galicia permitirá “aumentar a nosa capacidade de creación de empresas de alta tecnoloxía ademais de permitinos desenvolver iniciativas propias neste terreo”.
Blanco que confirmou que coa sinatura deste convenio “estamos a afrontar o desenvolvemento das distintas infraestruturas que compoñerán CITEXVI”, afirmou que a sociedade ten que percibir o esforzo que desde a administración se está a realizar en I+D+i e que afirmou “incrementou ate un 50% o seu investimento nos últimos dous anos”. O conselleiro mostrou o seu convencemento de que “nun futuro moi achegado, CITEXVI terá unha importante repercusión na modernización do noso tecido empresarial, xa que unirá os esforzos entre os diferentes axentes do sistema galego de I+D+i para lograr a transferencia de resultados de investigación básica por medio de mecanismos como poden ser as spin-off”

Actuacións subvencionadas

Cidade Tecnolóxica permitirá poñer en funcionamento no campus de Vigo, edificios dedicados a actividades de I+D+i, o que se traducirá en novas iniciativas empresariais de base tecnolóxica, desenvolvemento de empresas con actividades básicas ligadas ás novas tecnoloxías ou proxectos innovadores. Na primeira fase, sobre una superficie duns 6700 m2, a metade destinarase ao aloxamento das iniciativas e proxectos de I+D+i, e os demais á instalacións e servizos comúns, así como as estruturas precisas para a xestión e administración da sociedade.
O convenio asinado hoxe establece unha subvención a fondo perdido de algo máis do 50% do capital subvencionable que ascende a 9.864.744, 98 euros.