DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na sesión ordinaria a xerenta informou das liñas de traballo do seu departamento

O Consello de Goberno aproba as directrices propias de organización dos planos de estudos de grao

Cambios nas titulacións con límite de prazas e máis cartos para axudas á investigación

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 05/03/2008
A Universidade de Vigo dispón desde hoxe, co visto bo do Consello de Goberno, dunhas directrices propias sobre estrutura e organización académica dos planos de estudos de grao. Deseño dos estudos conforme aos créditos ETCS, estrutura académica e organizativa flexible, planificación do proceso adecuada á adquisición de competencias para mellorar a inserción laboral dos titulados e planificación realista da implantación do novo plano de estudos, son algúns dos principios xerais que o documento recolle cara á elaboración dos títulos de grao, competencia esta da Universidade de Vigo.
As directrices aprobadas polo Consello de Goberno determinan que o proceso de reforma debe definirse en dous niveis, un primeiro no que se establecerá o mapa de titulacións e adscrición de centros, e un segundo no se que se procederá á proposta do plano de estudos.
En canto a estrutura xeral dos planos, sinalou Carmen García Mateo, vicerreitora de Titulacións e Converxencia Europea que “todas as materias terán un número mínimo de seis créditos e a partir do mínimo poderá incrementarse o tamaño en bloques de tres créditos”. En canto as materias, que poderán ser obrigatorias ou optativas, terán carácter cuadrimestral. Recoméndase ademais o establecemento de prácticas externas, mentres que o traballo de fin de grado é obrigatorio. Trátase, segundo dixo García Mateo “ de que os plans de estudos permitan unha organización para que calquera alumno poda cursar a titulación no tempo previsto, polo que deberán ter un estrutura uniforme entre os graos que falicite aspectos como a mobilidade e a realización dos estudos en réxime de dedicación parcial”.
En canto aos prazos a cumprir polos plans de estudo que se pretendan poñer en marcha no curso 2009/2010 o calendario recolle que antes do 30 de abril o Consello de Goberno terá que determinar o mapa de titulacións, mentres que a aprobación da proposta do plan non se producirá ata o mes de decembro.

Variación no límite de prazas dalgunhas titulacións

Un total de 9 titulacións que se imparten nos campus da Universidade de Vigo experimentarán variacións no límite de prazas establecido para o vindeiro curso respecto do presente.
No campus de Ourense, Informática de Xestión pasa de 145 deste curso a 100 no vindeiro. Pola súa banda a licenciatura en Administración e Dirección de Empresa (LADE 2º ciclo) no terá límite de prazas para o vindeiro curso, mentres que este está fixado en 120. No caso de Mestre de Educación Infantil e Primaria, que no presente curso non teñen límite de prazas, pasará a ter un tope de 100 no vindeiro.
No campus de Vigo sofren variacións as titulacións de Bioloxía que baixa o límite de 100 a 75; Economía que pasa de non ter límite a un tope de 75; Enxeñaría Industrial que descende dos 275 do curso actual a 250 do vindeiro; Minas que aumenta o seu límite de 35 a 40 e Enfermería Povisa que pasa de 65 a 66.
O campus de Pontevedra é o único que no que as súas titulacións non sofren variacións no límite de prazas.

Presentación das liñas de traballo da Xerencia

A estratexia de xestión 2008-2012 e a valoración de postos do persoal de administración e servizos (PAS), centraron o informe que a xerenta, Ana Fernández Pulpeiro presentou ante o Consello de Goberno no que explicou que “ traballamos nun marco de referencia para mellorar o ámbito da xestión na Universidade. O obxectivo final é poñer no centro da nosa actividade á Universidade e á sociedade”.
Fernández Pulpeiro que solicitou a colaboración dos representantes sindicais dos traballadores para lograr “a mellora dos servizos” defendeu a existencia dunha estratexia de xestión, entendida como un marco do que xa dispoñen a maioría de universidades que fixa os obxectivos cara onde se quere ir.
A xerenta da Universidade de Vigo que destacou a importancia de realizar unha valoración de todos os postos de traballo do PAS, así como o diagnóstico da situación organizativa actual, tamén sinalou a modernización da xestión, a descentralización e a busca da excelencia, como temas estratéxicos dentro do Plano Operativo de Xestión.
Pola súa banda varios dos integrantes da Xunta de Persoal incidiron nas súas intervencións na necesidade de dar cumprimento aos acordos relativos á valoración de postos, ao tempo que reivindicaron o seu protagonismo no proceso de negociación e elaboración dos planos propostos pola xerenta. “A Xunta de Persoal está para dialogar e chegar a acordos. Agradecemos o traballo da Xerencia, pero hai regras de xogo que hai que respectar”, asegurou Xoan Cebro, nunha das súas intervencións. No mesmo sentido manifestouse José Zapiraín que tamén demandou “a adopción de medidas para cumprir co asinado no seu día”

Máis cartos para axudas á investigación

A sesión do Consello de Goberno aprobou na súa sesión de hoxe a Convocatoria de Axudas de Investigación para este ano, nas que destaca o incremento da partida destinada a axudas aos equipos de investigación que alcanza 1.400.000 euros. Estas axudas que contemplan cambios tanto nas bolsas como nos contratos predoutorais, promoverán, mediante subvencións, os agrupamentos estables, valorizarán os resultados de investigación e establecerán axudas no caso das áreas con especial dificultade para captar doutores.
Así mesmo o Consello tamén aprobou: a modificación dos criterios de produción científica correspondentes a 2007, a proposta do Consello Social da aceptación da cesión de terreos de titularidade municipal de Ourense a favor da Universidade coa finalidade de promover prácticas deportivas, as materias optativas e de libre elección para o curso 2008/2009, as normas básica do POD para o vindeiro curso e a participación da Universidade de Vigo na Fundación CEG para a Innovación Empresarial.