DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coincidindo coa celebración do 50 aniversario da Universidade en Ourense

Convócase o concurso de intervención artística Campus Auga 2024

A obra gañadora situarase nunha parede exterior do edificio deste proxecto de especialización

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Arte
  • Cultura
  • Institucional
DUVI Ourense 05/07/2024

Coincidindo coa celebración este ano do 50 aniversario do campus de Ourense, a Universidade de Vigo convoca o concurso de intervención artística Campus Auga 2024. A obra gañadora ubicarase nunha das paredes laterais exteriores do edificio do Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado pola Xunta de Galicia.

A Universidade, recóllese nas bases da convocatoria, desenvolve actividades de extensión universitaria dirixidas a todos os seus membros coa intención de promover prácticas culturais e artísticas e de dar visibilidade á creatividade da comunidade universitaria. Neste contexto, a convocatoria lanzada agora enmárcase concretamente no compromiso da Vicerreitoría do Campus de Ourense no eido da arte contemporánea e no obxectivo de pór en valor os seus espazos ao tempo que se amosa á cidadanía novas linguaxes creadoras.

Técnica libre

Pode participar neste certame calquera persoa maior de idade, de xeito individual ou en grupo. Cada participante presentará unha única obra orixinal que non fose galardoada en ningún outro concurso. A intervención artística a realizar ubicarase sobre unha parede lateral do edificio do Campus Auga, cunhas medidas aproximadas de 9,80 por 15,5 metros (lonxitude x altura). A técnica utilizada será libre, valorándose por parte do xurado os seguintes aspectos: a conexión coa contorna na que se plasmará o traballo, a interacción co edificio do que formará parte e a utilización de materiais que contribúan á sostibilidade ambiental. Aceptarase calquera tipo de técnica ou manifestación artística (graffiti, pintura mural, intervención escultórica, etc.).

O prazo de presentación dos traballos abrangue dende o 4 de xullo ata o 30 de setembro de 2024 ás 23.59 horas (hora peninsular española). Un xurado avaliará os traballos presentados e concederase un único premio de 5000 euros para a persoa ou persoas gañadoras. A Vicerreitoría do Campus de Ourense facilitará os materiais e as estruturas necesarias para levar a cabo o traballo, segundo o que figura na memoria presentada pola persoa gañadora. O prazo de realización efectiva do traballo, requisito indispensable para recibir o premio, rematará o 30 de novembro deste ano.

Atendendo á Lei da Propiedade Intelectual, o proxecto creado produto desta convocatoria será propiedade da persoa ou persoas que acaden o premio e quedará garantido o cumprimento da lexislación vixente referente aos dereitos de autor. Porén, o feito de aceptar o premio implica a realización do proxecto no prazo previsto e a autorización á Universidade de Vigo para a reprodución e difusión dos proxectos seleccionados, así como das obras ou produtos que se xeren no desenvolvemento.