DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O coro do campus quere consolidarse e abrirse á cidade de Ourense

Conta con arredor de vinte membros que ensaian todos os luns

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Marta Casanova DUVI 26/02/2008

Tras dous anos ofertado como Obradoiro de canto, o coro do campus quere consolidarse como Coro Universitario de Ourense. A actividade segue presente na oferta de cursos de extensión de xeito gratuíto pero, ademais, está aberta a toda a mocidade da cidade que desexe participar nela, sen que sexan necesarias máis que unhas condicións mínimas de oído musical e voz.
Xavier Álvarez, profesor de música no instituto da Carballeira, é o encargado do coro. Cunha longa traxectoria dirixindo e formando agrupacións musicais, conta cunha marcada vocación pedagóxica e educativa xa que, segundo el, “o coro é una escola de música, canto e convivencia pero tamén é unha actividade tremendamente enriquecedora a todos os niveis: físico, humano, psíquico e espiritual” explicou. “Sendo algo tan completo parecíame absurdo que o campus non tivese o seu coro, non concibo unha universidade sen el, aínda que en Vigo xa o tiñan”. Por este motivo, Xavier Álvarez propúxolle hai tres anos á Vicerreitoría un obradoiro de canto coa idea de convertelo en algo máis estable co tempo. “Agora parece que a cousa vai ben encarrilada, temos que ter en conta que por definición un coro universitario cambia facilmente pola mobilidade dos estudantes así que son os profesores e os PAS os que lle poden dar maior estabilidade” comentou.
O coro conta cuns 20 participantes habituais entre os que hai representación de todas as facultades. O obxectivo é chegar a converterse no coro xuvenil da cidade, xa que aínda non existe polo que “queremos abrirnos á mocidade de Ourense”.
Polo de agora as actuacións limítanse aos actos de graduación do campus onde interpretan un pequeno repertorio no que non falta o Gaudeamus Igitur, o himno universitario, “pero poderíamos entrar na rede galega de actuacións e incluso federarnos se a cousa vai ben” dixo Xavier.

Requisitos para pertencer ao coro

“A xente ten prexuízos acerca dos coros, pensan que é moi difícil cantar ou non lle gusta certo estilo musical. Hai que perderlle o medo porque un coro xuvenil é outra cousa, interpretamos temas moi variados e tampouco fan falta unhas condicións especiais” explicou o director. Iso si, é imprescindible ter oído musical, “a voz é importante porque é a ferramenta pero pódese educar”.
Os ensaios son os luns de 20.00 a 22.00 horas na Aula de Música do Edificio de Facultades. Para pertencer ao coro só hai que presentarse alí e o propio Xavier Álvarez entrevistarase co candidato e valorará as súas condicións.