DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Mediante o traballo conxunto de 10 artistas visuais, 4 escénicos e 10 escritores procedentes de Xiro

Creación literaria e plástica nunha mesma obra: a mostra “Transart 6” chega ao campus

A exposición poderase visitar na Sala X e na Casa das Campás ata o vindeiro 30 de xuño

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Ana Terceiro DUVI 22/05/2008

Enmarcada no programa de intercambio que a Facultade de Belas Artes mantén co Centre Cultural la Mercè de Xirona, chega ao campus Transart 6, unha mostra multidisciplinar na que a creación literaria e plástica únense nunha mesma obra. A principal particularidade desta exposición consiste en captar e amosar o estado de ánimo da arte visual máis recente explorando novas fórmulas de vinculación coa literatura, ademais de ser “un xeito de dinamizar o cadro de traballos expositivos da cidade, un dos primordiais obxectivos da Sala de Exposicións do campus pontevedrés”, segundo explicou o seu encargado, Xosé Manuel Buxán. Por outra banda, o vicerreitor Jesús Hernández, subliñou que “esta é a única institución universitaria que participa neste intercambio e considero que é un dos xeitos de coñecer a arte que está en continua ebulición, nas aulas e nos novos artistas”, comentou na presentación da mostra que tivo lugar na sede da Vicerreitoría.
A exposición, que se poderá visitar ata o 30 de xuño, ocupará dous espazos diferentes: a Sala X da Facultade de Belas Artes e a planta baixa da Casa das Campás e, pola súa banda, a vindeira primavera será cando os artistas pontevedreses leven ata Xirona as súas obras.

Dez anos de Transart

O proxecto Transart naceu no ano 1997 como unha iniciativa de creación e proxección artística contemporánea a partir do recoñecemento da obra dos novos creadores visuais e literarios e sobre todo a modo de sondaxe activa sobre as súas inquietudes. “Non había un motivo ou un tema principal para a mostra, senón a intención de coñecer o que estaban a facer as novas xeracións”, comentou Anna Capella na Casa das Campás.
As cinco primeiras edicións de Transart consistiron nun diálogo entre a recente creación visual e a literaria, pero xa o pasado ano, incorporouse ao proxecto unha programación musical mediante un ciclo de catro concertos. Nesta nova convocatoria, o criterio ampliouse ás artes escénicas de carácter experimental, obtendo como resultado un punto de encontro de novos creadores que ten por obxectivo “conquistar a novos públicos, enlazando os seus intereses e converténdose nunha dinámica forma de difusión cultural”, explicou unha das comisarias da exposición, Carme Sais.

Artistas de diferentes disciplinas fusionan as súas ideas nunha mesma obra

10 artistas procedentes das artes visuais, 10 escritores e 4 do mundo escénico son os protagonistas de Transart 6, un total de 24 novos creadores que desexan amosar a súa particular visión aos espectadores. Para levar a cabo o proxecto, cada artista plástico tivo o encargo de presentar unha obra inédita nun espazo expositivo proposto a priori e a cada escritor se lle propuxo facer un texto literario inspirado ou suxerido no coñecemento dun dos creadores visuais e nas súas obras. A partir de aí, algún dos participantes traballaron en grupos e outros de xeito individual, obtendo como froito un conxunto de propostas de diferentes disciplinas pero cun contido moi actual e onde a tecnoloxía está moi presente.