DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Creadores galegos debaten a situación actual da poesía, teatro e narrativa no II Ciclo de Escritores na Universidade

Con mesas redondas en Filoloxía e Traducción os xoves 16, 23 e 30 de outubro

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Lucía Costas DUVI 16/10/2008

Poder ter de preto a creadores da literatura galega e coñecer a súa actitude e opinión dos xéneros poético, teatral e narrativo é o propósito do II Ciclo de Escritores na Universidade, que comezou este xoves na Facultade de Filoloxía e Tradución. “As mesas redondas que se celebrarán son actividades moi axeitadas, mesmo necesarias, porque poderemos escoitar aos propios autores e coñecer de primeira man a súa posición, os seus motivos, algo que sempre é altamente enriquecedor”, apuntaba Marta Dacosta, tesoureira da Asociación de Escritores en Lingua Galega, na inauguración do encontro.
Trátase dunha actividade que permite a comunicación directa entre os nosos escritores e a sociedade. Iván Area, vicerreitor de Relacións Institucionalis, pronunciouse facendo especial fincapé na colaboración con empresas e institucións, pero tamén coa sociedade civil “que é a forma de agruparse a través do mundo do asociacionismo, e neste caso da Asociación de Escritores que é a maneira de manter vivo o noso patrimonio”. O vicerreitor subliñou a importancia do traballo que fan os escritores ao dar o nome exacto das cousas, dos obxectos e das persoas que é o que permite o avance da ciencia, “todos eses matices son beneficiosos para a literatura e para todo o abano das ciencias en xerais”.
De xeito paralelo, o decano en funcións da Facultade de Filoloxía e Tradución, Joaquín Sueiro, recordou ao recentemente falecido Ramiro Fonte, un personaxe moi destacado no mundo das letras no noso país. “Que este acto fose motivo dunha pequena homenaxe que lle pode render a facultade e nós a este escritor desaparecido” foi o desexo que manifestou o decano.

Os tres xéneros literarios a debate

Os encontros, organizados en tres mesas redondas, están artellados arredor de tres xéneros literarios: a poesía, o teatro e a narrativa. En cada mesa estarán persoas representativas de cada deles que trasladarán unha visión e análise destes xéneros no momento actual, intentando trazar unhas liñas de cara ao futuro. “É tremendamente interesante, dende calquera punto de vista, contar coa oportunidade de poder achegar o discurso, as opinións, a personalidade en directo dos creadores que neste momento temos en Galicia, que están desenvolvendo o seu traballo nos diferentes xéneros da creación literaria”, remarcaba Anxo Lorenzo, director do Departamento de Filoloxía Galega e Latina, quen tamén destacou o resultado positivo do ciclo celebrado o pasado ano e o interese de continuar coa actividade en vindeiras ocasións.

A poesía na actualidade

O debate do estado actual do xénero poético foi o encargado de abrir este ciclo. Na primeira das mesas, presentada pola profesora Amparo Solla, participaron Oriana Méndez, poetisa e estudante de Filoloxía Galega na Universidade de Santiago de Compostela; Manuel Outeiriño, poeta, ensaísta, xornalista e profesor na USC; e Román Raña, escritor e crítico literario. O coloquio abriuse coa cuestión de se é a poesía un xénero ben definido, ao cal todos eles lle deron mínima importancia, pois aínda que o mesmo Ortega y Gasset dixese que “a poesía non é un xénero”, segundo estes poetas “igual non é un xénero ben definido, pero iso tanto ten” asentou Outeiriño, “é o propio autor quen decide se é ou non poesía” engadía Oriana Méndez.
O lugar da poesía no entorno literario máis recente foi outro dos asuntos a debater, “a poesía é unha loita contra o tempo, como o é a arte, e o tempo é sucesivo. Na tradición da literatura galega o lugar da poesía sempre foi cardinal, a poesía forma parte da nosa esencia, sendo empregada moitas veces como unha arma cargada de futuro” sostiña Raña.

As próximas citas

Este II Ciclo de Escritores, organizado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Facultade de Filoloxía e Tradución, complétase coas mesas que se celebrarán os vindeiros xoves do mes de outubro. O día 23 a cita será co xénero teatral e a presenza de Gustavo Pernas, Euloxio R. Ruibal e Rubén Ruibal; o 30, pechará as xornadas a narrativa coa intervención de Francisco Castro, Xosé Miranda e Rexina Vega.