Un cento de estudantes participaron no torneo
CultuKata’09 bota a andar co Mundialito de fútbol
Mañá, relatorios centrados en cada unha das tres titulacións da facultade
Cun cento de estudantes caneando e intentando afinar a puntería comezou esta mañá CultuKata’09, a semana cultural que precede á celebración da patroa da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Santa Catarina de Siena, este xoves. Desde as dez da mañá e ata as dez da noite sucédense no pavillón universitario os partidiños do Mundialito organizado polos estudantes. O premio para o equipo gañador será unha prancha de cervexa Estrella Galicia e tamén haberá premios en forma de material deportivo, cortesía de Futgol.
Tralo deporte, mañá as conferencias tomarán o protagonismo de CultuKata’09. O director de cine e televisión Antón Reixa e mailo actor Luís Zahera compartirán a súas experiencias co alumnado de Comunicación Audiovisual nun relatorio que será presentado por Mariana Carballal. A partir das 12.00 chegará a quenda de Publicidade e Relacións Públicas, cuxos alumnos recibirán os consellos de Manuel Conde, publicista da axencia BAP&Conde; Manuel Quiroga, ex xefe de publicidade de Faro de Vigo e Santiago Romero, publicista español e membro do Club Creativo. O profesor Chechu Pérez será o encargado de presentar os convidados. Cun relatorio baixo o título O estatuto do empregado público, previsto para as 17.00 horas, poñerase o broche final á xornada.
A véspera do día grande estará dedicada á proxección de curtas. A partir das 10.00 horas, o cineasta Jorge Coira fará unha exposición sobre o seu traballo. A continuación, realizarase unha proxección de varias curtas que serán presentadas polo director galego Carlos Alberto Alonso.