DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Antón Reixa e Luís Zahera compartiron co alumnado as súas experiencias

CultuKata’09 fai un esforzo por achegar a realidade cultural aos estudantes

Tamén participaron o ex xefe de publicidade de Faro de Vigo, Manuel Quiroga, e o creativo Santiago R

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Camino Carballeira DUVI 21/04/2009

Unha aproximación á realidade laboral nos campos da comunicación audiovisual e da publicidade da man de recoñecidos profesionais con anos de experiencia no sector. Ese foi o resultado das conferencias programadas en CultuKata’09 que este martes tiveron no artista multimedia galego, Antón Reixa, no actor Luís Zahera, no ex xefe de publicidade de Faro de Vigo, Manuel Quiroga, e no creativo Santiago Romero os seus convidados de honra. Esta tarde, a xornada de relatorios completarase cunha mesa redonda sobre O Estatuto Básico do traballador público, organizada especialmente para os estudantes de Xestión e Administración Pública.
Reixa e Zahera presentáronse como dous profesionais “autodidactas e cunha audacia insolente” coa que compensaron a falta de formación académica nas súas respectivas disciplinas. O director, agora entregado á produción executiva xa que, segundo confesou “o máis seguro é que non volva dirixir”, sinalou que, fronte ao que poida parecer, “ser produtor executivo nunha empresa audiovisual é algo creativo” e apuntou que moita da culpa do fracaso de moitos proxectos é “financiar historias das que se pode prescindir”. Todo porque, segundo Reixa, un bo produtor executivo “ten que ter unha visión ampla do mundo e do entretemento para saber que historias debe apoiar, ademais desenvolver unha habilidade especial para as relacións humanas”. Na súa visión do sector, desde a perspectiva do actor, Zahera indicou que nos seus comezos “era máis sinxelo” porque hoxe o mercado “tende á internacionalización e existe máis xente da que pode absorber”. De todas formas, o seu discurso non foi pesimista xa que sinalou que a mesma “audacia insolente” que el tivo nos seus comezos é unha boa ferramenta “que agora os mozos deben volcar na Internet”.

Xestión e creatividade publicitaria

Dúas visións complementarias sobre o mundo da publicidade, a que Manuel Quiroga, ex xefe de publicidade de Faro de Vigo, e o creativo Santiago Romero, membro do Club de Creativos, apuntaron sobre a xestión e a creatividade. Quiroga quixo aproveitar a oportunidade para recordar “a todos os alumnos da facultade que fixeron prácticas en Faro de Vigo, dos que aprendín moito” e compartiu algunhas ideas sobre a actualidade do sector. Considerou que, nunha situación de crise como a actual, “as empresas que non invisten en publicidade cometen un grave erro xa que precisan máis que nunca publicitarse” e rompeu unha lanza en favor da Oficina para la Justificación de la Difusión, OJD, no medio dun debate sobre a súa fiabilidade. “Ten acceso a todo tipo de datos e son fiables”, sinalou. Ao mesmo tempo, quixo recordarlle ao alumnado a importancia “das relacións públicas porque o mundo se move, única e exclusivamente, por elas”.
Pola súa parte, Santiago Romero, compartiu cos estudantes algúns consellos sobre o método creativo que el aplica nos seus traballos. Un método altamente válido se atendemos a que conta cun León de ouro do Festival de Cannes e outro de bronce, ademais dunha dilatada experiencia en diversas axencias. Segundo explicou, busca en cada brief “unha fiestra de creatividade” e á hora de comunicar “acode ao subconsciente creativo do público para demostrar a xente que a coñeces, pero sen necesidade de mimetizarse”. Romero acompañou as súas ideas de exemplos de spots creados por el para empresas como Airtel ou produtos como Vía Digital. En resposta ás preguntas do alumnado sobre o peso da formación e da intuición no traballo creativo, Romero apuntou a necesidade “de formarse continuamente para poder fiarse da intuición propia” e aconsellou aos estudantes “ver toda a publicidade” que sexan capaces de ver.

Xornada de curtas

CultuKata'09 continúa mañá a súa programación. A xornada estará dedicada á proxección de curtas, que correrá a cargo do director galego Carlos Alberto Alonso. No mesmo marco, o cineasta Jorge Coira aproveitará para comentar a súa experiencia co alumnado da facultade.