DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un curso formará a licenciados e profesionais na loxística do transporte marítimo

Desenvolverase entre os meses de febreiro e maio no porto do Berbés

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 18/01/2008

Despois do éxito de asistentes na pasada edición, o curso de Loxística do Transporte Marítimo repite este ano ampliando contidos en número de horas. Organizado polos profesores Francisco José Torres e Raquel Díaz, a finalidade do curso é ofrecer un visión ampla, práctica, especializada e actualizada dos principais aspectos relacionados coa loxística e o transporte por mar. Segundo Francisco José Torres, “trátase dun sector complexo e concreto, sobre o que os estudantes e licenciados non teñen moitos coñecementos”. Por ese motivo, o curso está dirixido principalmente a alumnos dos últimos cursos e licenciados e, por outra banda, a profesionais do sector que desexen completar ou reciclar a súa formación. “O ano pasado contamos cun alumnado moi heteroxéneo, xa que participan alumnos de últimos cursos da Universidade de Vigo, licenciados en dereito, licenciados en económicas, enxeñeiros industriais e moita xente que son profesionais do sector que queren actualizarse en temas que sofren constantes cambios como a lexislación e que son necesarios para o desenvolvemento da súa actividade profesional”, explica Torres.

Unha estrea con éxito

Esta segunda edición do curso de Loxística do Transporte Marítimo aséntase sobre a base da experiencia do pasado ano. Segundo puntualiza o profesor Torres, “o pasado curso foi un éxito e tivemos que ampliar o número de admitidos ante o elevado número de solicitudes. Ofrecemos 30 prazas e, finalmente, contamos con 36 alumnos ”.
Pero para pulsar a satisfacción dos estudantes coa docencia impartida no curso “pasamos enquisas entre os matriculados que demostran a satisfacción a nivel xeral”, subliña Torres. Destes resultados xurdiu a necesidade de ampliar os contidos do curso, ao que se lle engadiu un módulo máis sobre seguros, que completa un total de dez repartidos en 92 horas, fronte ás 80 coas que contaba na pasada edición. En total son 40 horas teóricas e 52 prácticas, divididas en 10 módulos que tocan os campos sobre todo, da economía e do dereito aplicados ao ámbito do transporte marítimo.
Os dous módulos iniciais son os máis xenéricos, explica Torres, “o primeiro está dedicado a coñecer o principal obxecto da navegación que é o buque. Para iso contaremos coa presenza dunha enxeñeira naval e realizaremos unha visita a un estaleiro”. O segundo módulo, tamén introdutorio, explica o medio no que se desenvolve a actividade, o medio portuario. “Fai referencia ao porto, e unha persoa responsable de planificación do Porto de Vigo participará na parte práctica explicando en que consiste e como está organizado...Ao día seguinte haberá unha visita ao propio porto”. Os seguintes oito módulos son unha combinación de materias variadas que inclúen cuestións económicas do transporte marítimo, a dirección das empresas marítimas, o transporte marítimo, o transporte por estrada, o comercio exterior, o transporte de contedores, as cuestións xurídicas do transporte marítimo e, nesta edición como novidade, as cuestións xurídicas relativas ao seguro.

Casos prácticos e colaboración con empresas

A parte práctica do curso, 52 horas, inclúe clases e visitas. Os alumnos familiarízanse con determinados procesos administrativos mediante casos prácticos “como realizar un seguro marítimo, como se xestiona un transporte marítimo, tipos de barcos, como se distribúe un porto ou como se fai unha exportación”, explica. A parte teórica está en mans, principalmente de profesores da Universidade de Vigo, mentres que a parte práctica correrá a cargo de profesionais do sector en activo. Nestas prácticas inclúense tres visitas de campo, ao porto de Vigo, ao porto de Marín e a un estaleiro.
Para finalizar o curso, os estudantes deben presentar un informe breve sobre un tema que ben elixir entre os contidos dos módulos.
Segundo explica Francisco Torres, “actualmente, colabora na organización do curso unha agrupación de empresas do sector implicadas no transporte marítimo e na loxística, Logidigal”. Son 35 empresas e “obviamente moitos dos poñentes prácticos pertencen a ese grupo de empresas, e ese pode ser un primeiro contacto para os alumnos dos últimos cursos para incorporarse ao sector”. A intención dos organizadores é continuar ano tras ano organizando este curso pero, a medio prazo, “gustaríanos pasar a organizar un posgrao neste campo. Estas empresas coas que colaboramos tamén nos demandan unha formación regrada e adaptada aos novos procesos de incorporación ao EEES”.

Prazos e matrícula

Segundo Torres, “agardamos ter unha boa acollida, aínda que despois da experiencia do ano pasado apostamos por un grupo máis pequeno que non supere os 30 membros, para que a formación sexa de calidade e as clases operativas e participativas”.
Ata o vindeiro tres de febreiro está aberto o prazo de preinscrición e a partir do día seguinte, xa se poden formalizar as matrículas. A docencia comezará o día 15 do mes de febreiro e desenvolverase os venres pola tarde e os sábados pola mañá ata o mes de maio.
Todos trámites de preinscrición e matrícula poden realizarse a través de Bubela, onde se pode consultar tamén toda a información sobre o contido do curso.