Este martes a UVigo asinou o convenio de colaboración co Consello Galego Relacións Laborais
O Curso de negociación colectiva e individual no ámbito laboral celebrará en setembro a súa sétima edición
A ex-presidenta do Tribunal Constitucional, María Emilia Casas, impartirá a conferencia de clausura
O Curso de negociación colectiva eindividual no ámbito laboral celebrará no mes de setembro a súa sétima edición, e farao en colaboración co Consello Galego de Relacións Laborais, entidade coa que hoxe martes a Universidade de Vigo pechou un acordo de colaboración. En concreto, o reitor, Manuel Reigosa, e a secretaria do CGRL, Cristina Fabeiro, asinaron un convenio que dará cobertura a este programa formativo que ofrece ás persoas destinatarias as ferramentas necesarias para poder afrontar os conflitos individuais e colectivos no ámbito laboral coas ferramentas axeitadas.
O curso, explican os seus promotores, o catedrático Jaime Cabeza e a profesora Rosa Mª Rodríguez Martín-Retortillo, “interesa especialmente nun momento no que as relacións laborais están suxeitas a constantes cambios, e o papel da negociación colectiva é esencial para dotar de garantías ás persoas traballadoras e ás empresas”.
No acto de sinatura do acordo, ambos docentes quixeron “agradecer a constante dispoñibilidade do Consello Galego de Relacións Laborais na realización deste curso” e a colaboración que, a través doutras iniciativas, une ambas institucións dende hai máis de tres décadas. Pola súa banda, a responsable do CGRL, Cristina Fabeiro, destacou que para a institución que representa é “unha honra poder traballar da man da Universidade” e recalcou que con esta serán xa sete edicións dun curso “do que sempre recibimos reportes moi positivos por parte do alumnado, polo que agardamos que se poida seguir impartindo durante moito tempo”. No evento estivo tamén presente o novo director do Centro de Posgrao e Formación Permanente da UVigo, Fernando Cerdeira, xa que esta formación impártese ao seu abeiro.
A docencia, entre setembro e novembro
O curso desenvolverase entre mediados do mes de setembro e mediados do mes de novembro na sede da Dirección Provincial da Tesouraría Xeral da Seguridade Social de Vigo (García Barbón, 72) e, como en anteriores ocasións ten por obxecto “afondar, dende un punto de vista xurídico, estratéxico, psicoanalítico e práctico, no sistema de negociación colectiva e as súas manifestacións, a través dun tratamento integral dos seus aspectos fundamentais”, como explican os profesores Cabeza e Rodríguez Martín-Retortillo. Este ano, como principal novidade “incorpórase un módulo adicional no que se afondará máis nos contidos tratados ata agora e abordarase por primeira vez a materia dos plans de igualdade”.
A docencia correrá a cargo de poñentes de recoñecido prestixio, docentes doutras Universidades, da propia Universidade de Vigo, expertos do ámbito sindical, da empresa, profesionais xurídicos, inspectores de traballo, etc. No que respecta ao alumnado, a tipoloxía é moi variada, dende profesionais do ámbito xurídico-laboral ata alumnado egresado que rematou os seus estudos recentemente e tamén profesionais do ámbito sindical e empresarial.
Seis bloques temáticos
O curso será esencialmente presencial e estruturado en dúas sesións semanais, martes e xoves, de 16.30 a 20.30 horas, aínda que tamén conta con algunha sesión en diferido, que complementa o visto presencialmente, consistente en lecturas de materiais, etc. a través da plataforma Moovi.
O primeiro bloque temático centrarase na concertación social e a negociación colectiva e a lección inaugural correrá a cargo de Carmen Sáez Lara, catedrática de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidad de Córdoba. Nesta primeira parte abordaranse aspectos relacionados coa participación institucional e a negociación colectiva e a negociación colectiva no modelo constitucional e legal español.
No segundo bloque abordaranse contidos relacionados cos plans de igualdade, facendo especial fincapé nos puntos críticos dos convenios e dos acordos colectivos, como salarios, tempo de traballo, desconexión dixital, seguridade e saúde, teletraballo, etc. A terceira parte do curso será sobre comunicación e intelixencia emocional, mentres que a cuarta porá o foco en aspectos estratéxicos da negociación, como a mesa negociadora, a negociación individual e as técnicas de negociación. O quinto bloque abordará os acordos extraxudiciais de solución de conflitos colectivos e, finalmente, o sexto, será para analizar casos reais, experiencias en mediación e arbitraxes e un taller de negociacións. Como en anos anteriores, a encargada de clausurar o curso será a ex-presidenta do Tribunal Constitucional, María Emilia Casas, cuxo nomeamento como doutora honoris causa pola Universidade de Vigo acaba de ser aprobado en Consello de Goberno.
A preinscrición abrirase entre o 4 e o 18 de xullo e a matrícula poderá formalizarse do 22 de agosto ao 6 de setembro.