A UVigo terá un papel protagonista no Centro de Telecomunicacións
Definitivo impulso ao GRADIANT coa constitución da súa Fundación
A Fundación Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia, GRADIANT, é xa unha realidade tras a sinatura este mércores en Vigo da carta fundacional e da celebración da súa primeira asemblea, na que participaron os quince patróns e fundadores.
A Universidade, e máis concretamente a ETSE de Telecomunicación, terá un papel destacado no novo centro que situará a Galicia na vangarda no mundo das telecomunicacións. A escola viguesa aporta ao GRADIANT ao director xeral do centro, o catedrático Fernando Pérez González, e as instalacións para unha primeira ubicación, xa que posteriormente pasará a formar parte da Cidade Tecnolóxica de Vigo.
No acto de constitución da fundación, presidido polo conselleiro de Innovación e Industria Fernando Blanco, nomeáronse os cargos de presidente, vicepresidente e secretario que serán desempeñados, respectivamente polo propio conselleiro, Fernando Blanco; José Luis Fernández Carrero, director de Estratexia de Televés, e Manuel Reigosa, vicerreitor de Investigación da Universidade de Vigo.
O conselleiro de Innovación e Industria destacou a importancia deste acto, “por canto significa a consolidación do esforzo por unir a administración, organismos públicos de investigación e sector empresarial na procura dun obxectivo común: contribuír á mellora da competitividade do sector das telecomunicacións en Galicia a través do desenvolvemento tecnolóxico e a excelencia investigadora”.
Un director con ampla experiencia en telecomunicación
En relación á designación de Fernando Pérez como director do centro, o conselleiro destacou que esta decisión se levou a cabo cun amplo consenso en todo o sector xa que entre outros motivos, “dirixe o grupo galego líder en facturación con empresas no eido das telecomunicacións. É catedrático de Teoría do Sinal e as Comunicacións e as súas áreas de investigación están dirixidas ao tratamento de sinais, as comunicacións dixitais e a seguridade da información multimedia. Ademais dirixiu uns trinta proxectos con empresas nacionais e estranxeiras, ten dúas patentes europeas concedidas e dúas máis solicitadas e ten recibido varios premios pola súa actividade innovadora e de creación de spin-offs”.O director do Gradiant, Fernando Pérez, destacou a misión do centro de contribuír a elevar o nivel tecnolóxico do sector das telecomunicación en Galicia e o reto de acadar o máximo nivel na súa investigación científico-tenolóxica, apostando pola excelencia e buscando as sinerxías con grupos universitarios de calidade.
“Os provedores de parte da I+D que se vai facer no GRADIANT vai ser a universidade e, en concreto, a Escola de Telecomunicación. Isto implica que nós como centro tecnolóxico teremos máis facilidades para acceder a proxectos de envergadura e a fórmula típica será que a Universidade, vía subcontratación ou vía cooperación, participe nos proxectos que consiga o Gradiant”, explicou Fernando Pérez na presentación.
Misións e prazos
O novo centro terá entre as súas principais misións a realización de proxectos de I+D, a coordinación da participación dos axentes galegos de telecomunicacións (empresas, administracións e grupos investigadores) en proxectos dos plans de I+D nacionais e europeos e a representación da industria galega deste sector a nivel internacional. “Nace en Galicia para traballar no mundo. Esperamos converternos nun referente no sector das TIC a nivel mundial”, destacou Fernando Blanco.Pola súa banda, Fernando Pérez fixou como obxectivo para os próximos cinco anos que Gradiant conte con 50 investigadores, dos que se espera que un 30% sexan doutores. “Haberá que recuperar capital humano emigrado ou mesmo contratar capital fóra”, sinalou.
No acto tamén se anunciou que no vindeiro mes de xaneiro haberá unha proposta para completar o equipo directivo do centro e concretaranse cuestións como a súa localización na ETSE de Telecomunicación.