Os mozos perderon 86-76 ante o Obradoiro e as rapazas gañaron ao Peleteiro por 53-54
Desigual sorte nos partidos de baloncesto do Campus Universitario masculino e feminino
Tras tres cuartos do partido dominando ao Obradoiro de Santiago, o equipo masculino do campus rematou perdendo 86-76 ante un conxunto “moi superior, é o segundo clasificado” explicou Roberto, adestrador en funcións en ausencia de Nino Santos. De todos os xeitos, a lectura do encontro é positiva, “xogamos con bastante acerto e un bo ritmo. Ao final do partido os rivais levaron o encontro cara onde eran superiores, ao terreo físico e remataron gañando” explicou.
A vindeira xornada será a última que os do campus xoguen en casa. Será ante o Drova vigués o domingo ás 17.00 horas. “Vai ser un partido asequible porque somos dun nivel semellante. Temos posibilidades de rematar a liga na casa cunha victoria” comentou Roberto.
O equipo feminino
En canto ao equipo das mozas, tamén xogou en Santiago, contra o Colexio Peleteiro, pero tivo máis sorte. “Vencemos 53-54 nun encontro moi igualado no que estivemos todo o tempo un punto arriba ou abaixo sobre as rivais” dixo Roberto. Ademais, a escaseza de xogadoras dificultou as rotacións e “como viaxamos con só sete persoas, tivemos que ter moito coidado coas faltas persoais e a nivel defensivo” explicou.A axustada victoria nesta última xornada supón “ser primeiros do grupo sur e pasar directamente a semifinais do campionato, sen disputar cuartos de final, eliminatoria da que quedamos exentos”. O 18 de abril será o sorteo que decidirá os emparellamentos para as vindeiras eliminatorias.