DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

I Encontro entre Inversores e Emprendedores

Dez proxectos de spin-off universitarios na busca de financiamento

O mércores no Club Financiero

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
DUVI DUVI 11/12/2007

Biotecnoloxía, enxeñaría, tecnoloxías da información e da comunicación… Son moitos os campos nos que as universidades, como xeradoras de coñecemento e I+D+i, precisan transferir os produtos das súas investigacións ao sector empresarial. Para poñer en contacto ambos mundos, o Club Financiero acolle este mércores o I Encontro entre investidores e emprendedores universitarios, unha iniciativa enmarcada dentro do Foro de Inversores-Invierta.
Nesta xornada, organizada polo Foro de Iniciativas e Negocios en colaboración cos programas Empresa-Concepto e Uniemprende, presentaranse dez proxectos de spin-offs de base tecnolóxica e orixe académica. Trátase así de potenciar o espírito emprendedor entre os colectivos universitarios poñéndoos en contacto con investidores privados.
O encontro, que constitúe a cuarta edición de Invierta, contará coa presenza do director xeral de I+D, Salustiano Mato e con representantes dos programas Empresa-Concepto e Uniemprende. En total, presentaranse 10 iniciativas, previamente seleccionadas, que abranguen ámbitos como a biotecnoloxía, as ciencias da saúde, a industria agroalimentaria, as TIC, a enxeñaría ou as ciencias sociais. O Club Financiero pretende así crear unha plataforma de encontro entre os posibles investidores e os emprendedores, que acadaría xunto co financiamento, coñecementos de xestión e de mercado.

Un camiño de longo percorrido

A implicación das universidades na transferencia de coñecementos ven sendo unha prioridade, sobre todos nos últimos dez anos. Na Universidade de Vigo, co obxectivo de potenciar o espírito emprendedor dos estudantes, está en funcionamento a Ofie, Oficina de Iniciativas Empresarias, como apoio á creación de empresas.
Por outra banda, o programa Empresa-Concepto, impulsado polas universidades galegas en colaboración do CSIC, proporciona unha alternativa viable para a comercialización dos resultados obtidos da actividade investigadora. O súa finalidade é poñer a disposición dos centros de investigación os recursos financeiros e humanos que posibiliten a creación de empresas de base tecnolóxica. Dende a posta en marcha deste programa no 2004, constituíronse 15 empresas que supoñen un total de 72 empregos.
Neste mesmo camiño avanza este Foro de Inversores-Invierta, no que se encadra este encontro. Nas súas tres anteriores edicións contou coa asistencia de 180 investidores e foron presentados 28 proxectos, dos cales nove acadaron o financiamento necesario para o desenvolvemento dos seus proxectos.

Na páxina web do Club Financiero pode consultarse o programa completo da xornada.