Co-organizado polo International Council of Environment Law, ICEL, e a UVigo
Disputas ambientais e resolucións de conflitos sobre desenvolvemento urbano e recursos hídricos centran un congreso no campus
Búscanse solucións aos principais retos aos que se enfronta a sociedade en termos de sostibilidade
Especialistas en diferentes ámbitos do Dereito participan este luns na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo no congreso internacional Recursos hídricos, sostenibilidade ambiental e desenvolvemento urbano no contexto nacional e internacional, un encontro no que se persegue examinar, desde unha perspectiva interdisciplinar, a utilización de diferentes mecanismos de resolución de disputas de cara a garantir o dereito a un ambiente saudable, con particular énfase nos casos que versan sobre o acceso aos recursos hídricos e os problemas derivados do desenvolvemento urbano.
“O mundo actual, marcado pola crise climática, a sobreexplotación dos recursos naturais e a expansión urbana desenfreada, exixe respostas innovadoras e colaborativas”, explicou a profesora María Antonia Arias, directora do congreso, nun acto de apertura no que estivo acompañada polo decano da facultade, Francisco José Torres, que foi o encargado de darlle a benvida aos asistentes. “A interacción entre o desenvolvemento económico, a sostenibilidade ambiental e o respecto polos dereitos fundamentais, como o acceso á auga ou a un ambiente saudable, é crucial para garantir un futuro equitativo e resiliente”, recalcou a docente, especialista en Dereito Administrativo.
“A sustentabilidade xa non é un tema secundario, senón un imperativo”
Co-organizado polo International Council of Environment Law, ICE -a asociación mundial de expertos e expertas en Dereito Ambiental Internacional-, e as facultades de Ciencias Xurídicas e do Traballo, en Vigo, e a de Relacións Internacionais, en Ourense, o encontro presentouse como un foro interdisciplinar no que o coñecemento técnico e xurídico, conflúen para abordar os desafíos que afectan tanto á contorna urbana como aos recursos hídricos. “A sustentabilidade xa non é un tema secundario, senón un imperativo que debe guiar todas as decisións e políticas”, recalcou a directora do congreso.
A cita, que se prolongará ata a última hora deste luns, organízase en torno a catro grandes liñas temáticas. Por unha banda, afonda na perspectiva internacional das disputas ambientais e na resolución deste tipo de conflitos; por outra, ábrese unha liña de discusión sobre desenvolvemento urbano, incluíndo diferentes cuestións relacionadas coa ordenación do territorio e a planificación urbanística. A maiores, súmanse como eixes prioritarios o tema da sustentabilidade ambiental e dos recursos hídricos, incluíndo tanto augas continentais superficiais e subterráneas renovables, como augas minerais, termais, augas procedentes da desalgadura da auga do mar…
“As solucións non poden limitarse a un só enfoque”
“Nun contexto de crise climática, as solucións non poden limitarse a un só enfoque nin a unha única disciplina”, salientou a directora do congreso, ao tempo que recalcou a idea de que se precisa “axuntar esforzos desde o dereito, a ciencia, a enxeñaría, a política e outros campos para ofrecer respostas integrais e efectivas”.
Ao marxe destas cuestións a directora do evento tivo tamén palabras de agarimo e agradecemento para o resto do comité organizador: o catedrático de Dereito Administrativo, Roberto Bustillo Bolado; a catedrática de Dereito Internacional Privado e investigadora principal do proxecto Pax Natura no se se enmarca o congreso, Laura Carballo Fidalgo; os coordinadores do congreso, Paula Gamallo Carballude e Diego Felipe Romero Rueda, xunto con Sofía Salgado Pontón, que se encargou dos labores de secretaría.
Tras a apertura arrancou xa a primeira mesa redonda centrada, neste caso, nas disputas ambientais e a resolución de conflitos. Moderada pola profesora de Dereito internacional público da Universidade de Vigo, Laura Movilla, contouse coa intervención da profesora da Universidade de Coimbra, Dulce Lopes; Rosa Gilés, da Universidad de Huelva; Pau de Vilchez, da Universitat des Illes Balears; Paula Paradela, da Universidade de Santiago de Compostela, e Diego Felipe Romero, da Universidad Carlos III de Madrid.