DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Da man do Gabinete Psicopedagóxico

Dous talleres proporcionan aos estudantes as claves para superar o curso con éxito

A través de técnicas de estudo e estratexias de memorización

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Romina Vázquez DUVI 10/03/2008
Falta de atención e concentración, descoñecemento de técnicas de estudo, ansiedade e desorganización son os principais problemas que presentan os alumnos que acoden ás instalacións do Gabinete Psicopedagóxico en busca de axuda. É, precisamente desta necesidade de coñecer estratexias de memorización e estudo, de onde xurde a idea de organizar os cursos Aumenta o rendemento da túa memoria e Supera o curso con éxito.

Aumenta o rendemento da túa memoria

“Tratamos de explicar aos estudantes cal é o sistema de funcionamento da memoria, os distintos tipos que existen e as regras mnemotécnicas que poden utilizar cando teñen que estudar algo que lles resulta especialmente complicado”, apunta Eva Souto, responsable do Gabinete Psicopedagóxico, que engade que “hai regras como o uso de acrónimos, refráns, a creación de historias... que cando se utilizan ben poden resultar de gran utilidade. Estas estratexias son moi útiles para os estudantes de dereito, que precisan memorizar unha elevada cantidade de artigos.
De todos modos, “hai que puntualizar que coñecer as estratexias non é a panacea, o realmente importante é organizar o tempo, ter constancia e facer repasos semanais para chegar a tempo aos exames”, comenta a responsable do servizo.
Para este curso, que se desenvolverá do 1 ao 3 de abril na sala IV do Edificio Miralles, están convocadas 20 prazas e as docentes serán a propia Eva Souto e María Rodríguez, psicopedagoga e membro do Gabinete.

Supera o curso con éxito

Do 21 ao 25 de abril celebrarase o segundo taller, que ten por obxectivo aumentar o rendemento académico para superar o curso con éxito. Para isto, “os contidos abarcan os estilos de aprendizaxe existentes, os factores que inflúen no estudo, as técnicas de concentración, planificación e organización”, segundo palabras da psicopedagoga, que sinala que “hai que facer fincapé na necesidade de non deixar toda a materia para ao final”.
A docencia, da man de Eva Souto e María Rodríguez, impartirase na sala IV do Edificio Miralles en horario de 10 a 14.00 horas.

O Gabinete Psicopedagóxico

Con catro anos de vida, o Gabinete Psicopedagóxico naceu coa función de ofrecer aos estudantes que o precisen orientación e asistencia, xa sexa sobre aspectos estritamente académicos ou persoais, posto que tanto uns coma outros poden influír negativamente no alumno. En canto ao profesorado, “o que facemos é ofrecerlle orientación sobre o xeito de tratar a alumnos con dificultades particulares ou discapacidades. Axudámolos a enfrontarse a situacións conflitivas que poden xurdir a nivel de aula”, segundo palabras de Souto.
O ámbito de actuación abarca os tres campus, e segundo o problema que presente o alumno, as estratexias de actuación son diferentes. “Nos casos en que acoden con problemas de técnicas de estudio, intentamos facerlles un bo horario, unha planificación axeitada, e conciencialos da necesidade de repasar, ademais de traballar con eles as súas materias. Se o motivo da consulta é a ansiedade, o que lles ofrecemos son métodos de relaxación para tratar de controlar os pensamentos que fan que se bloqueen e, en consecuencia, se desconcentren”, tal como afirma a responsable do servizo, que engade que “a parte máis importante deste traballo reside en escoitar aos alumnos”.