Cunha mesa redonda con Carmen Chamorro, Isolina Raña e Maricarmen López
Económicas e Empresariais celebra o 8M pondo en valor a importancia das mulleres no sector primario
“Todas destacan pola súa forza, liderado e promoción da igualdade e apoio a outras emprendedoras"
As tres son mulleres e as tres son referentes na economía galega e tamén nacional. Carmen Chamorro, presidenta da Asociación de Cerqueiros de Galicia; Isoliña Raña, responsable da Asociación de Empresarias Rurales, e Maricarmen López, directiva de Executivas de Galicia, compartiron este xoves palestra nun acto celebrado na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais con motivo do Día da Muller 2025, unha celebración que, nesta ocasión, puxo o acento na importancia das mulleres no sector primario.
Coorganizado polo Colexio de Economistas de Pontevedra, a mesa redonda xurdiu “da preocupación da nosa facultade pola falta de visualización do papel das mulleres no ámbito laboral e profesional”, explicou a decana da facultade, Dolores Garza, quen salientou a importancia de trasladar ao alumnado o papel de liderado que poden alcanzar as mulleres no ámbito profesional.
Nesta liña, Garza explicou que en anos anteriores as actividades relacionadas co 8M se centraron en difundir o papel de mulleres que romperon o teito de cristal na nosa contorna económica. “Este ano queríamos facer algo diferente e centrarnos en actividades de gran relevancia, non soamente económica, senón especialmente social en Galicia. Por iso contactamos con representantes dos ámbitos rural e mariño que tiveran un perfil de liderado no seu sector”, salientou a decana na presentación das relatoras. “Todas elas destacan pola súa forza, liderado e pola promoción da igualdade da muller e apoio a outras emprendedoras nos seus respectivos sectores”.
Chamorro, á fronte da principal organización cerqueira de Galicia
A primeira en intervir foi Carmen Chamorro, quen desde 2021 exerce como presidenta da principal organización cerqueira da comunidade galega, Acerga, na que están representados 81 dos arredor de 145 barcos que utilizan o cerco como arte de pesca. Armadora do buque Cha Veiga, con sede en Panxón, desde pequena sempre tivo claro que ía vivir “por e para o mar”, pero o camiño non foi doado. “Este non deixa de ser un sector machista e foron moitas as veces nas que sentín que as mulleres temos que esforzarnos o dobre para colocar a nosa mensaxe”, explicou aos asistentes.
Desde o seu punto de vista as cousas foron cambiando pouco a pouco, pero non todo o necesario. “Somos máis visibles, pero se collemos unha imaxe de hai 20 anos, a xente que falaba por nós segue a ser a mesma, case todos homes”, salientou. Nesta liña, recalcou que “as mulleres xa pelexamos moito e xa é o momento de que a outra parte empece a ver as cousas doutra maneira. Nós xa nos facemos ver, pero iso non é suficiente”.
Raña, líder nacional das empresarias rurais
Pola súa banda, Isolina Raña, non só dirixe unha explotación gran tamaño, senón que é a principal cabeza visible da Asociación de Empresarias Rurales, ASER, colectivo de empresarias que representan a ganderías de tamaño grande e medio, así como a compañías da gran industria, pemes agrarias, comercio, formación e outras actividades vinculadas a este sector. Exerceu durante anos como membro do consello reitor de Feiraco, ata a súa integración en Clun (Cooperativas Lácteas Unidas) e conta cunha longa traxectoria como asesora a colectivos de profesionais da agricultura e a gandería en Latinoamérica.
“Sendo galega e produtora de leite a min gustariame transmitirvos que a fortaleza do sector lácteo galego é moi forte, está moi avanzado e producimos máis do 40% do leite que se produce en España”, polo que, “o futuro do rural neste senso é moi esperanzador”. En referencia ao papel da muller, a mensaxe foi clara, “a vida pivota arredor de nós, no rural ou fóra del, se queremos que a xente emprenda e se quede a vivir é fundamental que as mulleres sean pioneiras neste emprendemento”.
Novas iniciativas de Executivas de Galicia
Exerceu como moderadora da mesa Maricarmen López, representante de Executivas de Galicia, quen fixo fincapé no compromiso desta asociación coa visibilidade e o liderado feminino na economía, tamén a do sector primario, ao que ela estivo moi vinculada desde o seu nacemento. “Eu nacín nunha gandería pequena, meu pai era o socio 62 da cooperativa Melisanto, agora integrada en Clun, el ía traballar co tractor e miña nai encargábase da gandería, de coidar ao avó, a tres cativos... polo que esa foi tamén a miña orixe”.
Despois de 25 anos traballando en Telefónica, en Madrid, a empresa deulle a posibilidade de regresar a Galicia para pilotar o lanzamento do programa de apoio ao emprendemento Galicia Open Future, posto en marcha en colaboración coa Xunta. Hoxe, desvinculada xa do traballo activo en Teléfonica, transmite toda a súa experiencia ás novas xeracións a través de diferentes proxectos, entre elas a nova iniciativa ‘executivas junior’ que se presentará en vindeiras datas e que será de grande axuda para as mozas que están a piques de iniciar a súa traxectoria profesional.