O economista Timothy Kehoe será investido “Honoris Causa” no acto académico da festividade de San Tomé de Aquino
Este venres ás 12:00 h na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais
O economista estadounidense, Timothy Kehoe será investido como novo Honoris Causa da Universidade de Vigo este venres no acto académico da festividade de San Tomé de Aquino. Catedrático de Economía da Universidade de Minnesota e asesor do Fondo Monetario Internacional, Kehoe convértese así no décimo noveno persoeiro que recibe esta distinción universitaria.
Durante este acto, que terá lugar este venres ás 12:00 h no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, tamén se fará entrega das distincións académicas aos galardoados dos Premios Extraordinarios Fin de Carreira e Doutoramento. A celebración, presidida polo reitor da Universidade, Alberto Gago, pecharase coa intervención do mesmo e co tradicional Gaudeamus Igitur, por parte do Coro Universitario.
Un economista cun longo vencello con Vigo
A relación de Timothy Kehoe coa Universidade de Vigo remóntase a máis dunha década. En colaboración con outros profesores e investigadores impulsou a posta en marcha do Workshop on Dynamic Macroeconomics, un punto de encontro entre estudantes e prestixiosos economistas que contou nas súas diversas edicións con participación dos premios Nobel, Prescott e Kydland.Xunto con Vigo, Kehoe ten un longa e intensa experiencia docente en varios centros españois. Doutor en Economía pola Universidade de Yale e tamén profesor nas universidades de Cambridge, California o no MIT, Massachusssets Institute of Technology.
Na actualidade, o traballo deste economista está centrado na elaboración de modelos que expliquen as explosións de comercio ou nunha teoría que explique os motivos das grandes depresións económicas. No primeiro caso, as súas investigacións teñen como finalidade explicar as explosións de comercio ou as crises de débeda que sofren algúns países, liñas de traballo que o ligan co Fondo Monetario Internacional, co que ten un contrato especial como asesor de investigación.
Por outra banda, xunto a Prescott, traballa na explicación das razóns polas que se produce unha gran depresión, un fenómeno que teñen sufrido, nos últimos anos, países como Arxentina, México, España ou Xapón.