Actos con motivo do "Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres"
Educación e expresións culturais, contra a violencia de xénero
Con motivo da celebración este domingo 25 do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, estanse a realizar dende o inicio da semana en diferentes puntos da cidade, unha serie de actos entre os que se atopan encontros, obradoiros, cine e teatro. Organizados pola concellería de Igualdade do Concello de Ourense, contan coa colaboración doutras moitas entidades ourensás como a vicerreitoría do campus de Ourense, a vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, o Servicio Galego de Igualdade , a Casa da Xuventude, cafés culturais, e asociacións. O obxectivo é achegar a problemática da violencia machista á cidadanía con iniciativas adaptadas a todos os sectores e ámbitos, non limitarse a un único día conmemorativo.
A participación da Universidade
Malena de Jesús, organizadora e directora do CIMM, explicou que “ademais do meu traballo na concellería tamén son profesora asociada na Facultade de Educación e gústame contar cos alumnos porque moitos deles van traballar no futuro con esta problemática nos servicios sociais ou de xeito máis indirecto”. Por iso, algúns dos encontros sobre violencia de xénero tiveron lugar nas instalacións do edificio de Ferro, contando coa colaboración do seu decano, Xosé Manuel Cid que clausurou as conferencias. Tamén as performances de teatro chegaron ao campus e precisamente os seus actores son na maioría alumnos e ex alumnos de Educación Social.Obradoiros educativos
“Para concienciar e sensibilizar aos distintos axentes sociais da problemática dunha situación que desgraciadamente está a se normalizar hai que empezar pola educación” comentou Malena de Jesús. Por este motivo, organizáronse obradoiros dirixidos a diferentes grupos.Por un lado para os nenos, nos colexios, a través de xogos cooperativos dinamizados dende Faíscas para intentar que as relacións sexan igualitarias. Os nenos e nenas participan xuntos nuns xogos exentos de violencia onde non hai competitividade e o fin non é vencer. Na mesma liña de prevención tiveron lugar na Casa da Xuventude os obradoiros de desenvolvemento emocional para a mocidade que tiveron moi boa acollida. “O xeito de ir loitando contra a violencia é romper os estereotipos de machito que aínda persisten na mocidade. Hai que liberalos desa presión e reivindicar que non por non ser bruto és menos home ou tes que ser cuestionado” explicou a organizadora que engadiu a necesidade de asumir as emocións e lograr a madurez de expresarnos como somos.
E por último, tamén houbo obradoiros nas asociacións veciñais para a prevención de casos de maltrato. “A violencia ten moitas ramificacións que hai que aprender a identificar non son só os casos puntuais. Nunha sociedade democrática e libre non se pode permitir” declarou. Para logralo hai que empezar por desmitificar a idea da violencia como algo doméstico porque é un problema social que nos afecta a todos e hai que achegalo á realidade e explicar os recursos para combatelo. Ademais, nas dinámicas de grupo tratáronse outros tipos de violencia cara a muller como a tiranía da beleza ou a esixencia de encaixar nun estereotipo de “súper muller” que pode co traballo, a casa, a familia e sempre está perfecta.
Outras actividades
Ademais das actuacións teatrais e performances por distintos puntos da cidade, destaca o ciclo de Cine en Feminino enmarcado na duodécima edición do Festival Internacional de Cine de Ourense e patrocinado polo Concello. Nas principais salas da cidade estanse a proxectar longametraxes, curtametraxes e documentais feitas ou protagonizadas por mulleres.Para o domingo 25, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, está programada unha homenaxe ás víctimas na Árbore da Vida da Alameda, así coma unha solta de globos, performances, lectura de comunicados e un monólogo ás 13:00 horas na Praza Maior.