As xornadas celébranse durante o xoves e venres no Edificio Politécnico
Egresados da Universidade de Vigo transmiten as súas experiencias no mercado laboral no Forumemprego 2008
Facer oposicións, traballar por conta allea, converterse en bolseiro ou montar unha empresa son algunhas das alternativas que todos os estudantes barallan ao abandonar as aulas e que os participantes da mesa de experiencias no mercado laboral do Forumemprego escolleron no seu momento. Titulados todos eles pola Universidade de Vigo, explicaron aos actuais alumnos as súas inquedanzas á hora de buscar o primeiro emprego, tarefa que hai que afrontar “con ilusión e esforzo” segundo coincidiron.
As xornadas que tralo seu paso por Vigo e Pontevedra celébranse este xoves e venres no Edificio Politécnico do campus de Ourense, contan coa participación de máis de 450 inscritos que buscan unha orientación para enfrontarse ao mercado laboral. Ademais das charlas dos representantes da administración pública, do Eures e de importantes empresas privadas, os asistentes tamén puideron coñecer de primeira man, a través de alumnos egresados, os camiños existentes tras rematar os estudos.
Diferentes experiencias
Águeda Rodríguez, por exemplo, optou pola vía das oposicións. Tras licenciarse en Dereito comezou a difícil andadura para converterse no que é hoxe, xuíza de Primeira Instancia e Instrución. “O camiño non foi fácil, para acceder ao meu posto actual tiven que pasar varios exames, o que supuxo estudar durante catro anos unhas oito ou nove horas diarias, descansando só un día á semana e limitando a miña vida social” explicou. As claves para conseguilo foron establecer unha rutina, ser moi constante e ter capacidade de sacrificio pero pese ao que poida parecer “o esforzo mereceu a pena, gústame tomar decisións e solucionarlle os problemas á xente. É unha profesión moi bonita e que non me decepcionou para nada” dixo ao público asistente.Outra das alternativas máis frecuentes é comezar no mercado laboral realizando prácticas en empresas. Inés Giménez, rematou o ano pasado a licenciatura en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos e acudiu á Oficina de Orientación ao Emprego grazas á que se incorporou ao Grupo Gadisa para formarse nun plan de carreira para mandos intermedios. “Buscaban xente para ampliar o seu equipo e ofrecéronme moi boas condicións. O plan de formación consta de varios módulos cun tempo concreto e con distintos obxectivos, dende traballar uns meses nun supermercado para coñecer o seu funcionamento contratada como licenciada en prácticas e cobrando o 100% do salario, ata estar como adxunta dun responsable para recibir instrucción executiva” comentou. “Agora mesmo levo uns meses na empresa e opto a responsable de calidade, responsable de compras do mercado exterior ou supervisora de Pescamar, a distribuidora de pescado de Gadisa” dixo.
O camiño do autoemprego, moi habitual en certas titulacións, non o é tanto na de Historia. Santiago Vieito rematou a carreira no 99 e tras pasar por todo tipo de traballos decidiu montar a súa propia empresa. “Tiven que loitar contra dous prexuízos: que as carreiras humanísticas non teñen iniciativa privada e que sempre optan pola contratación allea, pero as saídas tradicionais de oposicións a profesor de secundaria ou bibliotecario non me convencían” explicou. Así, decidiu converterse en empresario e crear Akross- Xestión Integral do Patrimonio, dedicada á arqueoloxía, “unha área de traballo que si está explotada de xeito privado pero hai outras moitas que non o están e ofrecen oportunidades para os mozos emprendedores” comentou. “Ser o teu propio xefe ten moitas vantaxes pero ao principio require unha inversión de capital e moitas horas de traballo, eso si, paga a pena e ademais a Administración é moi áxil á hora de tramitar as axudas e asesorar á mocidade que decide crear sociedades” dixo Vieito.
O Forumemprego 2008 clausurarase este venres cunha sesión na que intervendrá o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Lois Pérez Castrillo, e dúas mesas redondas nas que se abordará o traballo no terceiro sector e na empresa privada.