Os días 19 e 20 en Ciencias Sociais e da Comunicación
Empresas e institucións vólcanse na primeira edición do Forumemprego no campus
Co obxectivo de lograr unha mellor e máis rápida incorporación ao mercado laboral dos estudantes
Unión Fenosa, El Correo Gallego, Caixa Galicia, Ecovigo, Asociación Forestal de Galicia ou Fundación Once son só algunhas das entidades coas que os estudantes do campus terán a vindeira semana a oportunidade de establecer relacións cara a súa futura incorporación ao mundo laboral. Será na sétima edición do Forumemprego 2008, as Xornadas Universitarias de Emprego de Galicia e Norte de Portugal, que este curso por primeira vez se celebran en Pontevedra.
O encontro, que terá lugar na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, celebrarase os días 19 e 20 de febreiro co obxectivo de proporcionar unha ferramenta para unha mellor e máis rápida incorporación ao mercado laboral dos estudantes.
Ata agora Vigo e Ourense eran os lugares elixidos para celebrar as xornadas pero, con motivo da descentralización dos campus e dos bos resultados que se teñen acadado nos anos anteriores, decidiuse incorporar a cidade do Lérez nesta iniciativa. A vantaxe de facer as xornadas nos tres campus é que deste xeito “pódense atender as necesidades concretas dos alumnos de cada carreira”, comentou a conselleira Eures da Universidade, Emilia Seoane, polo que os contidos e os participantes estarán relacionados coas titulacións impartidas en cada un deles. Así, en Pontevedra, os asistentes poderán escoitar relatorios e participar en mesas redondas con membros de importantes entidades relacionadas con temas sociais, da comunicación ou do sector forestal.
Programación
O encontro inaugurarase o martes 19 coa presenza de representantes do Eures Transfronteirizo Galicia - Norte de Portugal, da Universidade, da Consellería de Traballo, da Universidade do Minho e do Instituto de Emprego e Formación Profesional de Portugal, todas elas entidades colaboradoras. Nesta primeira xornada, os participantes escoitarán os consellos e as experiencias de titulados pola Universidade de Vigo que actualmente están traballando en importantes empresas como O Correo Galego ou o Banco Santander.O mércores 20, comezarase cun relatorio sobre os recursos que a Universidade pon a disposición dos alumnos para axudalos a atopar emprego, tales como a Oficina de Iniciativas Empresariais (OFIE) ou a Oficina de Orientación ao Emprego (OFOE). A partir de aí e ao longo de todo o día sucederanse unha serie de conferencias e mesas redondas onde participarán xerentes e membros do equipo de recursos humanos de importantes empresas privadas como a Asociación Forestal de Galicia, Caixanova, Taelpo, Unión Fenosa, Caixa Galicia, Price Water House Coopers, Tesal e Ecovigo.
En relación con entidades pertencentes ao terceiro sector, ao que se lle dedica un apartado especial nestas xornadas, contarase coa participación de Cáritas, Fundación Once e Addis Galicia. Tamén haberá unha sección dirixida ao acceso ao emprego na administración pública.