DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Opico, organizou o curso "Ponte Dereito, faino ti mesmo"

Ensinar a valerse por si mesmos en cuestións legais aos estudantes, obxectivo cumprido dun obradoiro

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Marta Casanova DUVI 01/02/2008

Os estudantes do campus de Ourense tiveron este cuadrimestre a oportunidade de pórse ao día en cuestións básicas de Dereito grazas ao obradoiro Ponte Dereito, faino ti mesmo. A partires de agora, poderán ter maior seguridade e coñecer os seus dereitos e, sobre todo, terán a satisfacción de valerse por si mesmo sen ter que recorrer aos servizos dun avogado.
A coordinación do curso correu a cargo de membros da asociación OPICO. Un deles, o vicedecano de Estudantes e Actividades Culturais da Facultade de Dereito, Iago Fariñas, comentou que “a finalidade era transmitir a idea de que uns coñecementos básicos de dereito poden axudar a resolver situacións cotiás, porque por desgraza sempre nos toca enfrontarnos con algún problema legal” dixo. Dereitos como consumidores, redacción de instancias, xuízos, contratos, denuncias, reclamacións de exames ou herdanzas son algúns dos temas que diferentes especialistas abordaron ao longo do obradoiro.
O programa non estivo pechado “e fóronse engadindo contidos segundo os intereses dos participantes e as súas inquedanzas persoais” comentou Fariñas, “por exemplo tiñamos un transportista con moito interese nos atestados, polo que trouxemos un experto no tema” dixo.
No referente aos asistentes, maila o que poida parecer menos da metade dos 13 participantes pertencían á titulación de Dereito, procedendo o resto de outras facultades e incluso do programa para maiores da Universidade. En vista do éxito e da importancia do tema, dende a organización non descartan repetir o obradoiro segundo necesidades da Vicerreitoría do campus.
A Organización Precursora de Iniciativas do Campus de Ourense, OPICO é unha asociación universitaria, cultural e xuvenil que naceu no ano 2000 coa intención de representar os intereses dos estudantes buscando que a Universidade sexa unha institución pública, gratuíta e de calidade.