“Non podemos sentirnos máis orgullosos polo éxito conseguido”, asegura a escudaría
O equipo autónomo de UVigo Motorsport mellora a súa última participación en Silverstone ascendendo ao 7º posto
Por vez primeira superaron unha das probas dinámicas e acadaron máis puntuación nas estáticas
A escudaría UVigo Motorsport segue a sumar éxitos, desta volta na competición autónoma disputada en Silverstone entre os días 17 ao 21 de xullo. No circuíto británico o equipo Driverless da Universidade de Vigo foi sétimo, cun total de 364,8 puntos, na clasificación xeral, superando así o 10º posto acadado o ano pasado, no seu debut na Formula Student UK. Un total de 20 equipos, na súa maior parte británicos, así como exipcios, franceses, un indio e outros dous españois, da Universidade do País Vasco e da Politécnica de Madrid, competiron nesta temporada 2023/2024, no que, segundo os preto de 20 integrantes do equipo vigués, “o nivel de competitividade aumentou de forma significativa, respecto do ano anterior, polo que loitar por cada punto volveuse máis imporante que nunca”.
A pesar da competencia, a escudaría da UVigo foi quen de superar, por vez primeira unha das probas dinámicas, o Track Drive, na que cómpre dar dez voltas nun circuíto aleatorio, mentres que no caso das probas estáticas melloraron a puntuación no ADR e no Real World AI e a dobraron no Business Plan Presentatión. “Foi unha competición chea de moitas emocións distintas e moito traballo e o nivel de coñecemento e traballo notouse nos diferentes equipos que participaron”, aseguran os e as integrantes do equipo autónomo, para quen “esta é unha temporadas da que non nos podemos sentir máis orgullosos, por todo o éxito acadado”.
O equipo da Universidade de Edimburgo, proclamouse campión da competición autónoma, seguido do Oxford Brookes Racing Autonomus e o UGRacing. Pola súa banda, o equipo da Universidad de Politécnica de Madrid foi a primeira escudaría española clasificada cun cuarto posto, seguida de UVigo Motorsport en sétimo posto e o Formula Student Bizkaia AI da Universidade do País Vasco en novena posición.
Probas dinámicas, unha superada
Un ano despois da súa estrea na competición autónoma de Silverstone, o equipo vigués foi quen de superar por vez primeira unha das probas dinámicas: o Track Drive, no que sumaron 100 puntos por dar dez voltas nun circuíto aleatorio. No resto de probas, Sprint, Skidpad e Acceleration, varios problemas co software autónomo impediron que o equipo as superase.
En calquera caso, lembran os membros do equipo de Driveless de UVigo Motorsport que “un dos nosos principais obxectivos era concluír algunha das probas dinámicas na competición e cumprímolo con creces grazas ao Track Drive”.
Probas estáticas, mellores puntuacións
No caso das probas estáticas, a escudaría viguesa mellorou os resultados acadados o ano pasado, mesmo duplicando a puntuación nunha delas, o Business Plan Presentation, na que sumaron 74 puntos, o que lles valeu un “meritorio”, aseguran noveno posto. En Simulation, conseguiron un 13º posto, mentres que no ADR e en Real World AI, tamén melloraron a puntuación, respecto do ano pasado.
A maiores, o equipo vigués tivo ocasión de participa nas finais da Formula Student Esports, unha serie de carreiras virtuais nas que prima a rapidez e a habilidade, e nas que quedaron quintos, por diante doutros 32 competidores.
Punto final ás competicións en Montmeló
Logo dos éxitos acadados en Assen e en Silverstone, o circuíto catalán de Montmeló será seguinte destino da escudaría UVigo Motorsport, desta volta co vehículo de combustión. Entre o 1 e o 7 de agosto o UM24 volverá rodar no Formula Student Spain, onde se darán cita 33 monoprazas eléctricos, 22 de combustión, dous híbridos e entre todos eles, unha decena con capacidade condución autónoma.
As e os integrantes do equipo da UVigo competirán en probas dinámicas: Skidpad, Acceleration, Autocross, Endurance, e estáticas: Business Plan Presentation, Cost & Manufacturing e Engineering Design, a procura de superar o sexto posto conseguido o ano pasado.