DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A finais do mes de abril en Guadalaxara

Un equipo de estudantes de Administración e Dirección de Empresas disputará a final do Deloitte Business Game

A empresa xa contactou con eles para facerlles unhas probas de selección de persoal

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 02/04/2009

Os esforzos merecen a pena se ao final do camiño hai unha recompensa. Non por tópica a frase deixa de ser certa e así o pensan un grupo de catro estudantes de quinto curso de Administración e Dirección de Empresas que acaban de ser seleccionados para a final do Deloitte Business Game, un concurso de simulación empresarial no que participaron máis de cen equipos de diferentes universidades españolas.
Apetecíalles participar desde o curso pasado pero cando se enteraron xa non lles daba tempo, así que nesta ocasión estiveron atentos á convocatoria do concurso. O que non pensaban era que “o gordo” do traballo lles ía coincidir cos exames e entrega de traballos do primeiro cuadrimestre. “O mes de febreiro foi para nós unha auténtica barbaridade, facultade de nove a nove e pola noite sesións de cafetaría co portátil”, explicaba Borja Crespo, un dos integrantes do equipo.

Dúas semanas para resolver un caso de empresa

O concurso, dirixido a estudantes de calquera carreira universitaria, consiste na resolución dunha simulación empresarial a través dun dos seguintes enfoques: análise financeiro e transaccións; consultaría estratéxica e de operacións; consultaría tecnolóxica e asesoramento fiscal e legal. No caso do grupo de asesores JAB UVigo, como se denominou o equipo de estudantes vigués, participaron na categoría “análise financeiro e transacción, como non podía ser doutra maneira dada a nosa formación”.
A primeira fase das probas consistiu en responder varias preguntas sobre a categoría na que se concursa. O traballo forte chegou na segunda fase coa resolución dun caso de negocio. “Partimos dun suposto que eles nos facilitaron e sobre o que nos deron un dosier completo de información”, comentou Andrés Barreira, outro dos participantes. “O suposto consistía en que o Grupo Murtasa nos contrataba para asesoralos sobre a posible compra dunha empresa entre un grupo de catro. Nós tiñamos que decidir que empresa debían adquirir e a que prezo”, indicaba outro dos integrantes do equipo, José Eugenio Acosta.
En total os estudantes dispuxeron de dúas semanas para analizar toda a información e redactar o informe. “Ao coincidir cos exames limitounos moito o tempo e somos conscientes de que nos quedou escaso”, recalca Crespo, un matiz co que non debeu coincidir o xurado, que o elixiu coma unha das catro opcións que van participar na final que se disputará entre os días 23 e 25 de abril en Guadalaxara.

Punta de lanza profesional

O equipo gañador en cada unha das categorías recibirá un ordenador portátil para cada un dos integrantes, “somos conscientes de que o importante é participar e aprender da experiencia pero, xa que imos, darémolo todo para intentar gañar”, salienta Borja Crespo.
Se a idea de conseguir un ordenador portátil lles fai ilusión hai outro aspecto ao que lle dan “moito máis valor”, recalca Acosta, e é que estes estudantes xa recibiron o premio máis importante: acudir a unhas probas de selección de persoal para a empresa Deloitte. “Chamáronnos o xoves pola tarde para avisarnos que o luns iniciarían en Vigo un proceso de selección de persoal e que estaban interesados en que asistiramos”, continúa. “Todos pasamos esta primeira criba e o martes continuamos as probas cunha dinámica de grupo”, afirma sorrinte Barreira. Con oficinas en Vigo e Coruña ven a Deloitte coma o lugar ideal para iniciar a súa carreira profesional, se ben “as nosas expectativas actuais céntranse en acabar a carreira”, recalca Crespo, quen tamén lembra que esta condición é indispensable para entrar a formar parte da empresa.
Nesta experiencia os estudantes estiveron titorizados pola profesora Mª José Cabaleiro, “que nos axudou un montón en todo o proceso”, se ben son agradecidos e destacan a implicación e colaboración de todos os profesores do Departamento de Economía Financeira e Contabilidade.