II proba do Campionato Galego de Duatlón Cross
O equipo de tratlón da Universidade participará con 26 deportistas en Pontevedra
As rapazas agardan poder clasificarse
Esta fin de semana o equipo de Triatlón Universidade de Vigo ten unha nova cita coa competición, nesta ocasión en Pontevedra, na segunda proba puntuable do Campionato Galego de Duatlón Cross. O equipo da Universidade participará con 26 deportistas, posiblemente o club que máis corredores aporte, o que demostra a boa situación que vive a sección de triatlón. Os universitarios esperan igualar ou mellorar o sexto posto obtido en homes e clasificar ao equipo de mulleres despois do duro circuíto de Poio, no que se retiraron a metade das participantes femininas e no que se conseguiu un meritorio terceiro posto de Sandra Santos e un oitavo de José Comesaña. Segundo explicou o responsable do equipo, Diego Pío, “esperamos poder clasificar ás rapazas, xa que é moi difícil para elas e ten moito mérito por parte das nosas corredoras, posto que a maioría comezaron o ano pasado no tríatlon e para algunha é das primeiras veces que collen unha bicicleta de montaña, todo un reto a ter en conta e digno de admiración".