A Escola Naval Militar de Marín adscríbese á Universidade de Vigo
O primeiro grao será unha enxeñaría e comezará a impartirse no curso 2009/2010
A Escola Naval Militar de Marín será un centro adscrito da Universidade de Vigo. A subsecretaria de Defensa, Mª Victoria San José, e o reitor, Alberto Gago, deron este venres en Vigo o pistoletazo de saída á constitución do futuro Centro de Formación da Defensa que se situará na Escola Naval Militar e estará adscrito á Universidade de Vigo.
A visita de San José tivo por obxecto a sinatura dun protocolo de colaboración polo que se constitúe un grupo de traballo que proporá a titulación de grao que se impartirá e estudará as necesidades de persoal e infraestrutura.
Esta iniciativa, pioneira a nivel nacional, foi cualificada polo reitor como “unha aposta estratéxica pola universidade pública e, en concreto, pola Universidade de Vigo”, aspecto no que tamén fixo fincapé a subsecretaria de Defensa, quen destacou que se trata “dun paso esencial na formación dos nosos exércitos, xa que a partir de agora os militares van a ter unha formación universitaria completa ao igual ca o resto de estudantes do noso país”.
O novo grao será unha enxeñaría
A acreditada solvencia académica, un magnífico cadro de profesores e o perfil e especialización técnica nun tipo de ensinanzas ideais para a formación que se pretende ofrecer aos futuros oficiais da armada foron algunhas das razóns que, en palabras da subsecretaria, “fixeron ao Ministerio decantarse pola Universidade de Vigo como entidade á que adscribir o novo centro ”.Xunto a estas razóns tamén se sinalou a estreita colaboración que manteñen ambas institucións desde o ano 1993, data na que se asinou un primeiro convenio de colaboración, ao abeiro do cal naceu a Cátedra Almirante Alvarez-Ossorio á que o reitor se referiu como “unha novidade no ámbito das cátedras universitarias de difusión e de debate”. “Hoxe volvemos a pór en marcha unha idea verdadeiramente innovadora no panorama nacional”, recalcou.
Con respecto ao grao que se impartirá no novo centro, San José sinalou que “pese a que aínda está sen definir, o máis probable é que sexa unha enxeñaría, pero será a comisión de traballo a que se encargue de definir o perfil completo. Hai que concretar as materias que sexan de interese para a carreira militar de forma que permitan a coordinación dos plans de estudo de grao universitario e de formación xeral e específica militar”.
Colaboración en I+D+i
A colaboración entre a Escola Naval Militar de Marín e a Universidade ven tamén sendo habitual no campo da I+D+i, e o mesmo Alberto Gago deixou a porta aberta á posibilidade de que ambas institucións se convertan en socios tecnolóxicos e emprendan proxectos de I+D de forma conxunta, “se a mesma vontade que puxemos na iniciativa que hoxe asinamos a pomos noutras cousas, seguro que pode funcionar”.Xunto a subsecretaria de Defensa asistiron ao acto Alberto Barciela Rodríguez, director xeral de Recrutamento e Ensinanzas Militares, e Emilio Nieto, almirante xefe de Persoal da Armada.