DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Escola Superior de Enxeñaría Informática acolle as xornadas “2.0 A nova ágora galega” co gallo da celebración do Día de Internet

Organizadas pola Consellería de Innovación e Industria, en colaboración coas tres universidades gale

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 06/05/2008

Co gallo da celebración do vindeiro 17 de maio do Día de Internet, a Escola Superior de Enxeñaría Informática acollerá as xornadas 2.0 A nova ágora galega, organizadas pola pola Consellería de Innovación e Industria, en colaboración coas tres universidades galegas. As actividades desenvolveranse o mércores 14 de maio e afondarán, mediante diversas conferencias, na tecnoloxía web 2.0 que está a provocar un salto no uso da rede, na que o usuario xa non é un ente pasivo, senón que xera contidos.
Segundo Enrique Barreiro, director da ESEI, “este ano as xornadas estarán dedicadas principalmente ás redes sociais e ás aplicacións das ferramentas web 2.0 en ámbitos tan diferentes como o software libre, a educación ou a literatura”. O programa está distribuído en cinco áreas de discusión que abordarán diferentes temas. Por unha banda, o uso das Tecnoloxías de Información e Comunicación na universidade, no que participará pola Universidade de Vigo o vicerreitor de Novas Tecnoloxías e Calidade, Anxo Manuel Sánchez. Ademais, tamén se tratará o papel que xogan as comunidades no desenvolvemento do software libre, as empresas 2.0, baseadas nesa tecnoloxías, as aplicacións e experiencias educativas das redes sociais, e como se desenvolven os escritores na blogosfera. “Contaremos coa presenza de representantes de empresas e bloggers importantes como Microsiervos, Weblogssl, Chuza, Loogic, Tíscar Lara, Rubén Ruibal ou Daniel Martí, entre outros” destacou Barreiro, que engadiu tamén “a OpenBravo ou Redegal, no eido do software libre”.

Unha celebración conxunta

O 14 de maio será a data escollida para celebrar de xeito conxunto o 17 de maio, Día de Internet, Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información e Día das Letras Galegas, co que se quere propiciar a participación de toda Galicia nunha reflexión sobre as posibilidades que as TIC ofrecen á hora de normalizar a nosa lingua, difundir e enriquecer a nosa cultura e construír unha sociedade do coñecemento propia.
Entre os días 1 e 17 de maio, a rede galega será escenario de diversas iniciativas para facer realidade ese obxectivo, e entre as que se enmarca a xornada 2.0 A Nova ágora galega, centrada no uso de instrumentos da web 2.0 grazas ás cales calquera usuario pode facer públicos os contidos que queira con enorme facilidade.

Últimos días de inscrición

Aínda que a asistencia é gratuíta, é preciso inscribirse previamente, posto que o aforo é limitado. A data límite para facelo será o vindeiro luns 12 de maio, ás 14.00 horas, a través da páxina web das xornadas, onde tamén se atopa máis información dos relatores e o programa completo.