DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Esdemga 2.1 amosa os proxectos dos alumnos de Deseño Téxtil e Moda

A exposición inaugúrase este mércores na Casa Galega da Cultura

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
D. Besadío DUVI 13/11/2007
“Un concepto único de exposición, vehiculado a través de distintas pezas”, así define Cristina Varela, subdirectora de Estudos Superiores de Deseño Téxtil e Moda, Esdemga 2.1, a exposición que este mércores se inaugura na Casa Galega da Cultura e que recolle os proxectos dos alumnos da segunda promoción desta titulación. A mostra, composta por 25 creacións, amosa a creatividade das novas xeracións de deseñadores.
Como punto de partida os estudantes inspiráronse no filme de 1955 “A noite do cazador” de Robert Mitchum. “O ambiente da sala vai estar moi influenciado por esta película e vai haber diferentes aspectos que a plasmen”, salienta Varela. Pese a ser este o fío condutor Varela tamén subliña que “os proxectos partiron de morfoloxías de colos e puños, para pasar despois ao deseño da prenda completa”.
Ademais deste arranque común, as pezas comparten tamén unha mesma formulación estética. “En cada peza pode plasmarse o proceso de busca de novas maneiras de tratar os materiais, a busca de novas formas... trátase de primar o proceso sen descoidar a calidade do produto final”, subliña a subdirectora da titulación.
Os estilismos dos diferentes proxectos están concibidos en conxunto. Coordinados por Alfredo Olmedo e Charo Froján, docentes encargados da Área de Deseño de 2º curso, a exposición é froito do traballo en equipo de alumnos e profesores. “Pese a que cada peza é exclusiva o visitante da exposición vaise atopar unha forte sensación de coherencia estética e unha relación moi coidada entre as diferentes pezas e a escenografía”, indica Varela. “O espazo e a escenografía está moi mimado nos detalles e a sensación visual que se logra é moi potente”, continuou.

A exposición poderá visitarse ata o 6 de xaneiro

A inauguración da exposición terá lugar ás 20.00 h. na Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa, 2) e contará coa participación de Mª del Carmen Cabeza Pereiro, vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes; Xesús López Carreira, concelleiro delegado da Área de Cultura e Animación Sociocultural, e Lola Dopico, directora de Esdemga.
Aqueles que non poidan acudir á inauguración poderán visitala ata o vindeiro 6 de xaneiro de luns a venres de 18.00 a 21.30 h., sábados de 11 a 14 e de 18.00 a 21.30 h e domingos e festivos de 11.00 a 14.00 h.

Éxitos máis alá da escola

Pese a ser a primeira saída pública destes estudantes, no que a alumnos da escola se refire, xa se están a visualizar os seus traballos en diferentes certames relacionados co eido da moda.
Unhas das participantes na exposición, Paz Villar, ven de obter o primeiro posto no primeiro festival de moda e fotografía Noovo que se desenvolveu a pasada fin de semana en Santiago de Compostela e estaba dotado con 6000 euros.
Doutra banda, Mª Rosa Martínez Isla e Lidia Poza Piñeiro, foron seleccionadas para participar no certame para novos creadores “Tesoira 2007” que terá lugar este xoves no Centro Cultural Caixanova.

 

Máis información.