DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con soamente tres anos de existencia

Esdemga consolídase como a escola de deseño e moda referente en Galicia

Sete alumnas foron seleccionadas para o Ego de Pasarela Cibeles

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Ana Terceiro DUVI 11/02/2008

O deseño galego está de moda e así se confirmou fai apenas dez días cando, sete alumnas da Escola de Deseño Téxtil e Moda de Galicia (Esdemga), presentaron as súas coleccións ante os ollos dos mellores e máis importantes profesionais do eido da moda en España, no Ego de Pasarela Cibeles. Cando se lles pregunta pola experiencia a reposta é clara, “compartíamos escenario con xente que leva moitos anos neste mundo e os nosos deseños estaban ao mesmo nivel ou incluso eran superiores”, comentou Amai Rodríguez, unha das alumnas da primeira promoción que participou no desfile.
Con este xa son moitos os logros que leva acadado Esdemga con tan poucos anos de existencia e consolidándose deste xeito como a escola de deseño e moda referente en Galicia e que pouco a pouco estase facendo un oco entre as principais a nivel nacional. No Ego de Cibeles chamaba a atención a cantidade de alumnas que ían da Universidade, sorprendidos da calidade e a innovación das novas promesas galegas. A directora do centro, Lola Dopico, comentou que “a escola leva pouco tempo funcionando e un sempre ten ese medo de non ir polo camiño correcto, pero ver ás rapazas en Madrid foi como un recoñecemento público de que estamos facendo as cousas

Traballo e dedicación

Ser unha das seleccionadas para participar en Cibeles non é casualidade e para chegar ata alí as novas deseñadoras tiveron que traballar moito dentro e fóra da escola. “O que se ve é o último paso, pero hai moito traballo anterior”, comentou unha das rapazas que participou no showroom, Paz Villar. Durante case dous meses tiveron que ampliar as súas coleccións e crear novos estilismos para poder presentalos na pasarela madrileña, pero tanto esforzo ten a súa recompensa e “houbo xente que se interesou polas obras, preguntábannos se tíñamos algún punto de venda”, engadiu outra das deseñadoras, Mónica Bastón.

Unha orixe diferente, un mesmo destino

As sete alumnas de Esdemga que participaron no Ego xa regresaron a casa pero iso si, coas maletas cheas de proxectos e de ilusións. Tres de elas contaron a súa experiencia ao Duvi e, aínda que proveñen de mundos diferentes, todas coinciden no seu futuro, queren dedicarse ao mundo da moda. Unha comezou a carreira de Belas Artes, outra fixo Publicidade e Relacións Públicas e conta co seu propio negocio de deseño gráfico e, a última, vén dun ciclo de estilismo, pero todas elas viron unha porta aberta cando a Universidade de Vigo creou a titulación de Deseño Téxtil e Moda, enchendo un oco que ata entón se atopaba baleiro. Co seu pequeno obradoiro na casa e aínda que de momento non teñen ningún proxecto pechado, xa están buscando opcións para comezar a traballar a nivel profesional canto antes. Algunhas recoñecen que lles gustaría seguir na escola máis tempo, “polo menos un ano máis”, subliñou Amai Rodríguez, pero agora é o momento de que cada unha percorra o seu camiño.