DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No congreso internacional que desde este mércores se desenvolve no campus de Pontevedra

Especialistas de 15 países afondan na aplicación práctica das investigacións e innovacións na psicoloxía do deporte

Organizado pola sociedade iberoamericana desta disciplina, reúne preto de 250 persoas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Deportes
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Pontevedra 16/10/2024

Investigación, innovación e aplicación son os tres eixes que articulan o programa de conferencias, simposios e talleres do noveno Congreso Iberoamericano de Psicoloxía do Deporte, que desde este mércores se desenvolve no campus de Pontevedra. Coa participación de investigadores, investigadoras e profesionais de 15 países, trátase dun congreso promovido pola Sociedade Iberoamericana de Psicoloxía do Deporte (SIPD), que preside o profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Joaquín Dosil, e que conta co apoio da Universidade, o Consello Social da UVigo, o Concello de Pontevedra, a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia e a Deputación Provincial. Na súa primeira edición en Galicia, este foro internacional busca promover un intercambio de coñecemento que favoreza o desenvolvemento da psicoloxía deportiva en múltiples eidos, desde o traballo para a mellora do rendemento nas e nos deportistas de elite, á prevención de posibles problemas de saúde mental, pasando polo traballo coas categorías base ou polos propios beneficios psicolóxicos da actividade física.

Con ese obxectivo deseñouse, como sinalou Dosil, “un programa moi intenso”, que se desenvolverá ata este venres nas facultades de Comunicación e Ciencias da Educación e do Deporte, sedes dun evento que celebrou este mércores o seu acto inaugural, pero que botou a andar xa o martes "coa celebración de diferentes talleres precongresuais". Tras lembrar as diferentes iniciativas que permitiron consolidar á SIPD “coma unha das sociedade máis importantes a nivel mundial” dunha área “tan apaixonante”, Dosil destacou que o congreso suma aos preto de 250 participantes presenciais de 15 nacionalidades, o seguimento virtual por parte de investigadores e investigadores doutras cinco nacionalidades. De aí que tanto a vicerreitora do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón, como o decano de Ciencias da Educación e do Deporte, Óscar García, puxesen de relevo a importancia de que a SIPD apostase pola UVigo e polo campus “para a segunda edición deste congreso en España, o que é un fito”, como sinalou Lantarón, que salientou tamén a colaboración de diferentes institucións con este evento.

O obxectivo de xerar sinerxías por un deporte saudable

Como destacou a vicerreitora, nesta xornada arrancaban “tres días que son unha oportunidade para intercambiar ideas, investigacións e proxectos, para establecer sinerxías que permitan aumentar o coñecemento” en cada unha das áreas dunha disciplina “absolutamente fundamental”, como engadiu o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores. “O deporte debería ser saúde, pero sen certas consideracións pode xerar problemas, especialmente en deportistas de elite”, lembrou o rexedor nun acto que puxo tamén o foco na visibilidade outorgada nos últimos anos ás cuestións de saúde mental no eido deportivo. No en van, como lembrou o director da Fundación Deporte Galego, Iván Clavel, son múltiples as “ameazas” ás que ten que facer fronte a psicoloxía do deporte, desde “cuestións como a dopaxe ou a presión económica sobre o resultado”, á necesidade “dunha formación e dunha vida despois da carreira deportiva”, pasando polo “trato do deportista como un artigo de consumo”. De aí que o representante da Xunta destacase o importante papel desta disciplina nunha “protección integral, especialmente dos deportistas máis novos” e que o apoio psicolóxico é unha cuestión “moi demandada” polos deportistas de alto nivel.

Tres días de actividade

Neste obxectivo de conectar a investigación académica co traballo diario cos e coas deportistas, o congreso conta coa participación de conferenciantes como a catedrática da Universitat de Valencia Isabel Balaguer, “que forma parte do equipo que prepara a Carlos Alcaraz e que é a única representante da psicoloxía deportiva na Academia Española de Psicología”, lembrou Dosil. Balaguer centrou no "clima motivacional" e na importancia que ten “a contorna social” no desenvolvemento das e dos deportistas a conferencia inaugural dun congreso que acolle na tarde deste mércores cun relatorio do cubano Luis Gustavo González, quen asesorou o récord mundial de salto de altura Javier Sotomayor. Por outra banda, as características dos adestradores de éxito serán o eixo central da conferencia que impartirá este xoves Regina Brandão, quen traballou coa selección brasileira de fútbol, mentres que o chileno Alexi Ponce centrará o seu relatorio na preparación olímpica. Finalmente os retos e desafíos da psicoloxía do deporte serán serán abordados este venres na conferencia de clausura polo mexicano Tomás Trujillo, que participou tamén en varias edicións dos Xogos Olímpicos xunto a deportistas e equipos do seu país.

De xeito paralelo, ao longo destas xornadas celebraranse nas dúas sedes do congreso un total de 16 simposios, que abordan cuestións como o desenvolvemento do talento do deportista novo, o impacto psicolóxico das lesións ou as achegas da neurociencia ao adestramento psicolóxico. Así mesmo, preto de 50 investigadores e investigadoras de diferentes países darán a coñecer os seus estudos nas sesións de presentación de pósters.