DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Estudantes de Europa e Latinoamérica completan a súa formación no campus

A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo acollerá á maioría deste novo alumnado

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Raquel Feijóo DUVI 18/02/2010

O campus acolle neste segundo cuadrimestre do ano académico a 17 novos estudantes procedentes do estranxeiro que decidiron completar os seus estudos en Ourense. A maioría proceden de Italia (4) e Brasil (3) pero tamén hai mozos e mozas que viaxaron dende Alemania (2), Francia (2), México (2), Eslovenia (1), Polonia (2) e Uruguai (1). Eva Garea, técnico superior de Relacións Internacionais, foi a encargada de darlle a benvida a este novo alumnado no transcurso dun acto que se desenvolveu no salón de graos do Edificio de Ferro e que contou coa presenza dos responsables dos distintos servizos do campus para darlles conta das posibilidades de ocio, formación e tempo libre das que poderán gozar durante a súa estadía na cidade. Na súa intervención, Eva Garea subliñou a importancia de viaxar ao estranxeiro para completar os estudos. “Hoxe en día a sociedade e as empresas conceden unha grande importancia ao currículo baseado na formación e na experiencia. Estades en Ourense non só para adquirir unha formación académica, senón tamén para vivir novas experiencias que vos prepararán para a vida”, declarou.

Deporte, cultura, biblioteca e idioma á man dos novos estudantes

De seguido, os estudantes coñeceron os servizos de deportes e cultura, as posibilidades que lles oferta a biblioteca en canto a consulta e a préstamo de libros, os cursos de castelán e galego que poden facer no campus como un complemento á súa formación académica e a existencia dun Gabinete Psicopedagóxico, un servizo de axuda e orientación ao que poderán acudir se así o precisan. Os responsables destas oficinas animáronos moi especialmente a participar no Coro Universitario, “xa que nos últimos anos sempre houbo estudantes estranxeiros cantando connosco”, a practicar algún deporte e a facer o cursiño de galego que oferta a Área de Normalización Lingüística, “un curso de 75 horas, gratuíto e que inclúe excursións, co que poderedes coñecer máis en profundidade a nosa lingua e a nosa cultura”, explicáronlles.

Ciencias Empresariais e Turismo recibirá á maioría dos estudantes

A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo vai ser a receptora do grupo máis numeroso deste novo alumnado xa que ata 10 estudantes escolleron este centro para continuar a súa formación. Entre eles están Lucía Kolenchicova, de Eslovaquia e Nóra Gál, de Hungría, dúas rapazas que decidiron estudar en Ourense para mellorar os seus coñecementos de lingua española. “O que queremos é estudar español pero tamén e por suposto coñecer a cultura deste país”, explican. Tamén estudarán neste centro a uruguaia Susana Niosi, que revela que decidiu viaxar ata aquí “para coñecer outra cultura”; o alemán Michael Hrusovsky, que espera acabar o curso falando español correctamente e Jane Stankuna, chegada dende Letonia, que xa vai polo segundo cuadrimestre no campus. “Cheguei a Ourense a comezos de curso polo que xa levo aquí uns meses. A experiencia está a ser moi positiva porque cando cheguei non coñecía o idioma e agora deféndome bastante ben”, afirma.

Excursións por lugares emblemáticos de Galicia

Os demais asistirán a clase nas facultades de Dereito (4), Ciencias da Educación (1), Historia (1) e a Escola Superior de Enxeñería Informática (1). Todos eles esperan que a experiencia sexa enriquecedora para a súa formación académica e persoal. Karla Moreira é unha rapaza de Brasil que estudará na Facultade de Dereito neste segundo cuadrimestre do ano. Explica que escolleu Ourense “porque me pareceu unha cidade moi bonita que ademais está preto dalgúns lugares que me gustaría visitar como Santiago de Compostela ou as illas Cíes”, afirma. Tanto Karla Moreira como o resto dos estudantes terán a oportunidade de coñecer este e outros lugares emblemáticos de Galicia grazas ao programa de actividades que ten preparado a Oficina de Relacións Internacionais e que inclúe excursións a Santiago de Compostela en marzo, á cidade portuguesa de Oporto en abril e a Cangas e Portonovo no mes de xuño.
Eva Garea define a iniciativa destes mozos e mozas de viaxar lonxe dos seus países para completar os seus estudos como “unha experiencia vital non só polo recoñecemento académico se non tamén pola posibilidade de coñecer un novo lugar, unha nova cultura que os vai preparar para a vida. Vivirán situacións novas e terán que aprender a resolver problemas por si mesmos, polo que lles vai axudar a medrar como persoas”, conclúe.