DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun programa intensivo de clases subvencionado pola Unión Europea

Estudantes de Tradución viaxarán a Bretaña para complementar a súa formación en tradución xurídica

Vigo será a universidade anfitriona do programa no curso 2010/2011

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 21/01/2009

Un grupo de cinco estudantes de quinto de Tradución e Interpretación van participar o vindeiro mes nunha peculiar experiencia: un programa intensivo subvencionado pola Unión Europea que os levará ata Bretaña francesa para, durante quince días ininterrompidos, mergullarse na tradución xurada a nivel europeo.
Visitas a tribunais, asistencia a conferencias e mesas redondas, exposicións e xogos de rol con equipos plurilingües, plurinacionais e pluridisciplinarios... son algunhas das actividades que van levar a cabo na súa estancia en Bretaña, onde estarán acompañados por dúas profesoras de apoio, Susana Cruces, secretaria do Departamento de Tradución e Lingüística, e Inma Valeije, profesora titular de Dereito Penal da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo de Vigo.
Vigo organiza esta experiencia conxuntamente coa Université de Bretagne-Sud (Lorient)e a de Magdeburg (Alemaña), pero no encontro participarán estudantes e docentes de seis universidades, xa que ás tres mencionadas hai que engadir unha universidade checa (Ceske-Budejovice), unha romanesa (Politécnica de Bucarest) e unha letona (Ventspils). O vindeiro curso a experiencia trasladarase a Magdeburg e no curso 2010/2011, será Vigo a universidade anfitrioa. “Estamos xa iniciando os preparativos, pois é unha actividade que ten detrás moitas horas de preparación”, salienta a profesora Iolanda Galanes, organizadora deste programa xunto a Susana Cruces e, nos seus inicios, tamén con Ana Luna Alonso.
María Paz Suárez está rematando quinto curso de Tradución e Interpretación na especialidade de francés-galego e é unha das estudantes seleccionadas para participar no encontro. “Esta é unha oportunidade excelente de coñecer xente que se dedica ao mesmo ca ti noutros lugares”, subliña. Ademais, ela está especialmente interesada na viaxe porque encantaríalle dedicarse á tradución xurada profesionalmente, “se ben o tempo dirá en que me acabo especializando, pois son os teus propios traballos os que te acaban levando por un ou outro camiño”, salienta.
Para participar no programa tivo que pasar unha proba de selección que incluíu a tradución dunha sentenza francesa cara español, unha análise de texto e unha comparanza coas institucións xudiciais españolas expresada en inglés ou francés.
“Foi un bo ensaio do que van experimentar alá”, explican as coordinadoras. “Hai que ter en conta que os participantes terán que demostrar que saben interpretar oralmente contidos de textos xurídicos de maneira explícita e concreta”, recalcan as profesoras viguesas.

Tres profesores de Dereito poñen ao día ao alumnado en xurisdición española

Para que os estudantes cheguen a Bretaña coa preparación axeitada as coordinadoras elaboraron non só un dossier, con múltiple bibliografía e documentación, senón tamén un ciclo de conferencias para pór ao día aos seus alumnos sobre as xurisdicións e procedementos en España. Impartidas por profesores de Dereito da propia Universidade de Vigo, especialistas en Dereito Civil, Penal e Mercantil, estas conferencias tentarán pór ao día aos estudantes sobre xurisdición civil (actas de nacemento e defunción, custodia e garda de nenos binacionais...); penal (arresto, auto de prisión, acta de interrogatorio...) e de dereito de sociedades (documentación asociada á creación dunha empresa, contratos...).

Prácticas multinacionais moi especializadas

Os programas intensivos son programas de estudos de corta duración no que participan estudantes e persoal docente de institucións de educación superior de diferentes países participantes co obxectivo de fomentar a ensinanza multinacional sobre temas especializados que, do contrario, non se ensinarían en ningunha institución, ou soamente nun número moi limitado delas, e que inciden nos aspectos comparativos de funcionamento dos países da UE.
Este programa permite tamén que estudantes e persoal docente traballen xuntos en grupos multinacionais e que se beneficien, por tanto, de condicións especiais de aprendizaxe e ensinanza normalmente non dispoñibles nunha única institución e adopten novas perspectivas sobre o tema obxecto de estudo.