Resultado dun proxecto desenvolvido polo grupo HealthyFit, co apoio do Plan Social Ence
Un estudo confirma os efectos positivos de combinar exercicio físico de alta intensidade e realidade virtual en persoas con Párkinson
Xera melloras na súa capacidade funcional e calidade de vida
O desenvolvemento dun programa de exercicio físico a alta intensidade nunha contorna de realidade virtual inmersiva mellora a capacidade funcional e a calidade de vida das persoas con párkinson e pode contribuír a reducir a progresión desta enfermidade. Esta é unha das conclusións extraídas do estudo piloto que o grupo de investigación HealthyFit levou a cabo coa colaboración da Asociación Párkinson Provincia de Pontevedra (Apropark), no marco do proxecto Integra-Park, desenvolvido co financiamento do IV Plan Social Ence.
Como explica o investigador principal do grupo, o catedrático da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte José María Cancela, o obxectivo deste proxecto era “achegar determinadas prácticas deportivas, como o remo, que non son accesibles” a esta poboación, dado os riscos que podería implicar a súa práctica nunha contorna natural. Uns lentes de realidade virtual, sincronizados cun cicloergómetro e un remoergómetro intelixentes, permitiron nese senso que persoas con Párkinson puidesen levar a cabo un programa de actividade física de 14 semanas, con dúas sesións semanais de 25 minutos; unha delas dedicada a pedalear e a outra a remar por diferentes contornas virtuais. Mediante o uso de exergames, as e os participantes desenvolvían a actividade física mentres “se desprazaban polos canais de Venecia ou participaban nunha carreira ciclista”, apunta Cancela, e realizaban a súa vez “pequenas tarefas cognitivas e de toma de decisións” no marco da propio videoxogo.
Alén de contribuír á superar “as barreiras” que dificultan as persoas con Párkinson a práctica de determinadas modalidades deportivas, o proxecto Integra-Park buscaba tamén avaliar os efectos deste programa na capacidade funcional, calidade de vida e progresión da enfermidade. Non en van, diferentes investigacións teñen demostrado o impacto positivo do exercicio físico na sintomatoloxía desta enfermidade neurodexenarativa, e, nomeadamente, do realizado a alta intensidade, que xera melloras na inflamación sistémica e neuroplasticidade destas pacientes. Non obstante, recoñece Cancela, son poucos os estudos levados a cabo en contornas de realidade virtual e non existían traballos previos que avaliasen os “beneficios potenciais” de deportes como o remo.
Incremento da forza muscular e mellora da calidade de vida
Neste estudo piloto participaron doce pacientes que se atopan nos estadios I a III desta enfermidade, que implican a aparición e a progresión de diferentes síntomas motores. Estes foron de feito “os que melloraron principalmente”, nas avaliacións realizadas ao remate do programa, como destaca o responsable do grupo HealthyFit, inserido no Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur. Os resultados desta análise recóllense nun artigo publicado por Cancela e os investigadores da Facultade de Fisioterapia Gustavo Rodríguez e Pablo Campo no Journal of Functional Morphology and Kinesiology, indexada no primeiro cuartil do índice JCR.
Concretamente, rexistráronse melloras en diferentes parámetros referidos á capacidade funcional, como a mobilidade, o equilibrio dinámico e a forza muscular. Neste último ámbito, acadouse unha mellora do 24% nas variables referidas á forza dos membros inferiores, un parámetro relevante, como lembra Cancela, para avaliar o seu grao de autonomía, xa que un dos síntomas motores do Párkinson é “que comezan a desprazarse arrastrando os pés, o que moitas veces causa a perda de ton muscular no tren inferior”. Así mesmo, a intervención xerou un incremento da forza de prensión nas dúas mans, “un parámetro identificado como indicador do síndrome de fraxilidade” e que, no caso de descender, sinalaría “unha aceleración” na progresión da enfermidade.
Do mesmo xeito, o programa permitiu mellorar a súa capacidade aeróbica nun 10%, así como a percepción que teñen de diferentes aspectos relacionados coa súa calidade de vida. Concretamente, as persoas participantes destacaron os seus efectos positivos para o desenvolvemento das actividades da vida diaria e para a diminución do malestar corporal, rexistrándose unha mellora do 44% nas variables dirixidas a avaliar o seu benestar emocional.
Explorando vías de colaboración con Taipei
As liñas de traballo do grupo HealthyFit sobre o uso da realidade virtual inmersiva para deseñar e desenvolver programas de actividade física con diferentes colectivos foron tamén unha das investigacións que nos últimos días puido coñecer o decano do departamento de Ciencias do Deporte da Universidade de Tapei, Yung-Sheng Chen, no marco dunha visita a Ciencias da Educación e do Deporte. A raíz da sinatura dun convenio entre a Universidade de Vigo e a Taipei University, dirixido a promover o intercambio tanto de persoal docente e investigador como de estudantado, este docente puido coñecer, da man de Cancela, diferentes liñas de investigación que se desenvolven nesta facultade, nun encontro no que participou tamén o directro da Escola Superior de Desporto e Lazer do Instituto Politécnico de Viana do Castelo, Pedro Bezerra.