DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Incorpóranse ao mercado de traballo 47 novos titulados

A ETS de Telecomunicación celebra a graduación da súa 20ª promoción

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 22/05/2009

Pasaron xa vinte anos desde que saíu á rúa a primeira promoción galega de enxeñeiros de telecomunicación. Naquel intre as empresas pelexaban por estes profesionais. Hoxe, pese á crise, parece que as cousas non mudaron moito, e hai uns meses presentouse un estudo que situaba a taxa de ocupación nun 96,4%. Os novos titulados, que este venres celebraron o seu acto de graduación, seguen tendo ante si unhas extraordinarias expectativas laborais e o reto de axudar a seguir avanzando na chamada sociedade da información.
Nun acto especialmente “emotivo e espontáneo”, tal e como salientou a vicerreitora de Titulacións e Converxencia Europea, Carmen García Mateo, recibiron os seus diplomas 47 novos enxeñeiros de telecomunicación. Entre as súas mellores virtudes e como seo de identidade, “está a vosa capacidade para afrontar os retos que se vos formulen, sen medo e con decisión”, recalcoulles a vicerreitora.

Domingo Docampo, padriño da promoción

Nesta liña interveu tamén o padriño da promoción, o ex-reitor Domingo Docampo, quen, “coma todo bo padriño”, fixo as súas propias recomendacións aos novos egresados, “aproveitade a primeira oportunidade que vos saia e, a partir de ai, seguro que se vos van abrir moitas outras portas”. Como exemplo, Docampo animou aos estudantes lembrando o caso dun alumno que rematou a titulación no ano 92, nunha época marcada tamén pola crise económica, “el non tiña un bo expediente académico pero si moitas gañas de traballar, hai un par de anos veu a verme cun negocio lanzado e unha empresa que funciona as mil marabillas, a el a oportunidade chegoulle en forma de prácticas nunha empresa en Madrid e soubo aproveitala”.
Neste sentido, Fernando Aguado, outro dos profesores elixido polos estudantes para formar parte da súa orla, recalcou tamén a importancia das oportunidades, “non só hai que saber aproveitalas, senón tamén buscalas, que para iso estades todos moi ben preparados”.
Co recordo dos anos vividos como fío conductor, interviu tamén o subdirector da escola, Artemio Mojón, quen salientou que a data de hoxe é un intre especial que “representa a colleita de moitos anos de esforzo voso, pero tamén das vosas familias”. Doutra banda, invitounos a que nunca perdan a ilusión por seguir formándose, algo especialmente importante nun ámbito no que as tecnoloxías evolucionan a gran velocidade, “a escola vai ter sempre as portas abertas para cando sintades a necesidade de reciclarvos”.

En clave de humor

Nunha data que tivo como grandes protagonistas os titulados, a intervención de Javier Augusto González e Beatriz Mojón, representantes dos estudantes, foi, sen dúbida, a máis agardada. En clave de humor, pero coa emoción presente en cada unha das súas verbas e xestos, lembraron os seus cinco anos na escola “as clases monótonas e aburridas, pero tamén as amenas e divertidas, as horas de estudo, o café para manterse esperto”. Tras dar as grazas a profesores “uns máis ca outros” e familiares, admitiron “aprendemos moito e formámonos persoal e profesionalmente, agora tócanos deseñar a nosa propia vida”.
Tras entregarlle varios agasallos ao padriño, quixeron recoñecer tamén “cun pequeno detalle” o labor doutros profesores “pola súa paciencia e dedicación”: Raúl Rodríguez, Marta Rey López, Fracisco Javier González Castaño, Guillermo García Lomba ou o condutor do acto, José Carlos López Ardao, subiron tamén a recoller o seu premio.
Ademais de aproveitar as oportunidades e de seguir formándose, a vicerreitora animounos tamén a saír fóra “o voso título será recoñecido alá onde vaiades e lembrade que as sociedades máis avanzadas son as que máis precisan os vosos servizos”.