A EU de Fisioterapia celebra con xogos, concursos e música o seu patrón, San Aquiles
As actividades comezaron ás 11.00 da mañá e prolongaranse ata as 21.00 horas
Chegada a primavera, cómpre aparcar un intre os libros e organizar unha festa para afrontar con optimismo os últimos meses do curso. Con este motivo, o alumnado da Escola Universitaria de Fisioterapia celebra este xoves o seu patrón, San Aquiles, con xogos e concursos variados. A diversión está aberta a todos os estudantes do campus desde as 11 da mañá e os que se acheguen ao centro poden poñer a proba o seu ritmo no concurso de baile, a súa forza no concurso de pulsos ou a súa destreza coas cartas no concurso de poker.
Hai tamén propostas de videoxogos para todos os gustos, como o Pro Evolution Soccer e a Wii Sports. Os máis dinámicos poden apuntarse a mover o corpo co Twister ou a facer algo de deporte no peculiar xogo do futbolín humano. E para os amantes deste clásico xogo patentado por Alexandre de Fisterra, hai futbolíns convencionais en funcionamento durante todo o día.
Unha gymkana con sorpresas amenizada pola charanga Apeles
Entre as actividades da tarde destaca un concurso de tartazos pensado para liberar tensións e unha gymkana cargada de sorpresas para os participantes. As actividades vespertinas están amenizadas pola música da charanga Apeles e ao longo de todo o día soan no centro temas variados pinchados por un dj da discoteca Canelas.Todas as actividades están organizadas por un grupo de alumnos e alumnas de terceiro, que uniron forzas co obxectivo de recadar fondos para a viaxe de fin de carreira, con destino en Punta Cana. Para isto teñen á venda unha ampla oferta de comida, postres e bebidas, ademais de camisetas, bolígrafos, chaveiros e sombreiros.