"Mulleres da raia" narra o contrabando na fronteira entre Galicia e Portugal
A ex alumna de Comunicación Audiovisual, Diana Gonçalves, estreará o seu primeiro documental no festival Play-doc
A imaxe dunha muller atravesando a ponte de Tui quedou gravada na súa mente sendo cativa. Foi a súa avoa quen lle contou a historia do contrabando que algunhas mulleres fixeron durante anos para subsistir e os seus trucos para non ser vistas. Unha loita diaria, de heroínas descoñecidas, que Diana Gonçalves, ex alumna de Comunicación Audiovisual, conseguiu plasmar no documental Mulleres da raia, que estrenará o vindeiro 19 de marzo no Festival Internacional de Documentais de Tui, Play-doc. O seu compañeiro de promoción, Miguel Barbosa, colaborou na montaxe da cinta e é o responsable da música e do son.
Escolleu o camiño máis arriscado pero seguramente o máis enriquecedor, o da independencia. Gonçalves quere que este documental sexa a súa “carta de presentación” e “para ter total liberdade sobre a historia” rexeitou a oferta dunha produtora. Confesa que foi “unha aprendizaxe dura” pero que “a ilusión pode máis que o cansancio” e confía en que a historia “vai calar na xente”, que se pode achegar á súa creación a través do seu blog.
A convivencia en dous puntos, a raia fluvial e a raia seca, que actúan como eixos da historia esixiu que Gonçalves dedicase un ano enteiro a investigar, localizar as protagonistas, gravar, montar e posproducir a historia. Conta que “foi difícil gañar a confianza das porque o contrabando segue a ser un tema tabú” e recoñece ter medrado “tanto personal como profesionalmente” nesta achega ás mulleres, que “co seu ímpeto, forza e carácter son o punto forte do documental”. Pero máis alá da compoñente humana, Gonçalves explica “a complicación da burocracia” para conseguir axudas das administracións e que grazas á súa familia puido “comprar os materiais para facer unha historia competitiva cos filmes da produtoras”. Co proxecto pechado, queda agora o capítulo da difusión. Ademais da cita do Play-doc, o día 27 a cinta presentarase no Museo de Arte Contemporánea de Vigo, ás 20.00 h; o día 18, en Ourense e o 25 de abril en Valença do Minho.