DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con sede no campus e na Estación das Ciencias Mariñas de Toralla

Expertos de Ciencias do Mar traballan na elaboración do mapa xenético do mexillón galego

Rexistraron xa dúas patentes que permiten identificar calquera especie de pescada

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 12/06/2008

Identificar o mapa xenético do mexillón galego, un dos piares da nosa economía no que a recursos pesqueiros se refire, é o principal reto ao que se enfronta Rexenmar, o grupo de investigación de recursos xenéticos mariños. Aválaos o feito de ter sido pioneiros no desenvolvemento dun mapa xenético en España, o do rodaballo, un traballo conxunto coa Universidade de Santiago de Compostela e o Clúster Galego de Acuicultura.
Dirixidos polo profesor Pablo Presa, o grupo ten moitos outros méritos, entre eles, ser autores das primeiras patentes galegas no campo da xenética de peixes, dous procedementos complementarios que permiten a identificación de todas as especies de pescada descritas ata o de agora.
Con sede na Facultade de Ciencias do Mar e na Estación das Ciencias Mariñas de Toralla, Ecimat, consideran un luxo poder contar con estas instalacións a pé de costa, “a envexa de calquera científico que traballa no sector”, admite Presa.
Xunto ás investigacións sobre a xenética do mexillón o grupo ten outra gran liña de traballo: a trazabilidade molecular de recursos mariños ou, o que é o mesmo, o desenvolvemento de ferramentas de diagnóstico xenético que permiten a identificación biolóxica e xeográfica dun produto pesqueiro.

O mapa do mexillón suporía todo tipo de mellorías para o sector

Desenvolver o mapa xenético do mexillón galego supón elaborar a cartografía dos seus xenes para lograr todo tipo de mellorías, dende aumentar a resistencia a parasitos e enfermidades ata conseguir unha maior taxa de crecemento ou perfeccionar a cor da vianda.
No caso do rodaballo logralo supuxo medio millón de euros de investimento, a coordinación de oito grupos galegos, e tres anos de traballo duro. Nesta ocasión, conseguilo é cuestión de tempo e financiamento, “tardaremos máis, pois emprendemos o proxecto con poucos efectivos, aínda que co apoio económico dunha empresa interesada nos resultados e a axuda loxística das asociacións de mexilloneiros”, explica Pablo Presa.
A posta en marcha da Estación das Ciencias Mariñas de Toralla, ECIMAT, determinou que se decidisen a levar a cabo a investigación. Nas que denominan como“unhas instalacións únicas en Galicia” levan a cabo todo o desenvolvemento das familias. “Cantas máis familias máis exacto será o mapa que construamos. Cen familias supoñen cen tanques e tes que conservar aos pais e aos fillos para poder analizalos xenetica e fenotipicamente. Isto supón unha infraestrutura axeitada, unha ración diaria de alimento moi elevada e unha man de obra considerable”, indica o profesor.
Levan apenas dous anos traballando no proxecto e xa recibiron un galardón, foi no 2006 cando a Fundación Xenoma España lle outorgou ao equipo interdisciplinar formado polo grupo, a empresa e os mexilloneiros asociados o Premio Bioances de Innovación pola formulación da investigación e o plan de negocio posterior para colocar a semente nos mercados mundiais.
Nestes intres previse a incorporación de varias empresas de capital- risco do Ministerio de Industria interesadas en investir no proxecto e o concurso nas axudas dentro do VII Programa Marco de Investigación. Lograr máis financiamento suporía que, segundo Presa, “nun período de tres a cinco anos poderiamos lograr o mapa”.

Sistema para identificar as partidas alimentarias

No caso do traballo sobre temas de trazabilidade molecular, as aplicacións deste sistema son múltiples, un bo exemplo é o seguimento de partidas alimentarias en caso de crise. As súas investigacións permiten deseñar ferramentas para identificar os lotes e latas concretas que están contaminadas, algo clave cando estamos a falar de cuestións que afectan á saúde da poboación.
Outra das aplicacións básicas é controlar as partidas importadas para consumo animal e humano, agora mesmo o punto máis conflitivo son os colectores provenientes do sueste asiático, de onde se están importando fundamentalmente gambas, lagostinos e outros crustáceos criados todos eles baixo moi pouco control internacional, “por exemplo, estánselle engadindo potenciadores do crecemento en acuicultura, algo que pode ser daniño para a saúde, polo que, a identificación xenética destas especies é importante á hora de controlar a colocación do produto no mercado”, explica o profesor.
Dentro deste campo, os investigadores de Rexenmar tamén son pioneiros no desenvolvemento de kits de análise xenética en tempo real para a detección de especies en produtos procesados, tales como pensos ou conservas. Cada grupo de especies necesita o seu propio kit e elaboralo pode supor dous anos de traballo, pois hai que ser moi rigorosos á hora de desenvolver esta ferramenta, “non é algo sinxelo nin rápido, e isto é unha das causas de que haxa moito fraude científico no seu desenvolvemento”.
A mellor proba da experiencia do grupo neste campo son as patentes que conseguiron para identificar as diferentes especies de pescada, patentes que ademais xa están funcionando, pois enseguida foron adquiridas por unha empresa, “a mellor proba de que a tecnoloxía desenvolvida funciona”, como eles mesmos indican.
A formación de persoal externo á Universidade é outro dos piares nos que se asenta o seu traballo. Aparte dos cursos de doutoramento ofertados no seu do seu departamento, participan na 1ª edición do Máster de Acuicultura que, de carácter interuniversitario, comezará o vindeiro curso con ensinanzas referidas á trazabilidade molecular de especies e produtos mariños.

Xenética forense de pesqueiras

A xenética forense de pesqueiras é outra das principais aplicacións desta liña de investigación. Trátase, sobre todo, de servir de proba pericial en conflitos pesqueiros, algo que xa lle ten acontecido en múltiples ocasións. As ferramentas deseñadas polo grupo permiten dicir, por exemplo, de que augas procede o peixe que hai nas bodegas dun barco retido por pesca ilegal en augas xurisdicionais de terceiros países.
Máis localmente, cara a industria de procesado de produtos pesqueiros, o grupo leva a cabo unha importante labor de asesoramento en materia de etiquetado de produtos procesados. Nas súas análises inclúen datos como a orixe xeográfica, se é de acuicultura ou extracción, natural ou transxenético... Moitos conserveiros solicítanlle que identifiquen se o que recibiron é realmente o que compraron, “nós non facemos o servizo en si, senón que desenvolvemos o paquete tecnolóxico que é transferible ás empresas que dan eses servizos: inspectores, laboratorios homologados do ministerio, departamentos de I+d de empresas ”.

Etiquetado do peixe en lonxa

Agora o grupo ten ante si dous retos fundamentais: a coordinación con outros grupos de traballo que, a nivel galego, tamén realizan este tipo de ferramentas e lograr completar a trazabilidade integral dos produtos, é dicir, completar toda a súa historia, desde os parques de cultivo ata o consumidor.
A día de hoxe xa existe a intención de facer as análises moleculares en paralelo coas descargas dos barcos en lonxa, de maneira que no punto de etiquetado do produto xa exista toda a información dispoñible sobre a historia dese produto, o reto, segundo estes investigadores, é proporcionar toda a información antes de emitir a etiqueta, é dicir, que cando chegue o peixe á lonxa e pase aos distribuidores a etiqueta xa estea completa. “Para isto fai falla facer unha identificación en tempo real, algo que na cuberta do barco non é factible, salvo nos grandes barcos factoría, por iso o mellor é facelo na propia lonxa onde, nun minilaboratorio e en dúas ou tres horas estarían todos os datos dispoñibles para integralos na etiqueta”.

 

Web do grupo