Organizado polo grupo Rede da Universidade de Vigo
Expertos internacionais analizan os instrumentos de intervención gobernamental para frear o cambio climático
Expertos procedentes de diversas institucións españolas e americanas participan esta fin de semana en Baiona nun workshop organizado polo grupo de investigación Rede da Universidade de Vigo co obxectivo de “analizar o modo en que as políticas medioambientais propostas polo goberno e as administracións públicas afectan ás economías”, tal como afirma Baltasar Manzano, docente do departamento de Análise Económica e organizador do congreso.
Manzano sinala que este simposio “ven motivado polos importantes problemas derivados do cambio climático ”, enmarcándoo deste xeito dentro do debate sobre o papel que os gobernantes deben adoptar na loita contra a contaminación e a emisión de gases de efecto invernadoiro que contribúen ao quecemento global. “Toda esta situación ten disparado as alarmas, de maneira que a sociedade reclama unha actuación inmediata”, segundo palabras do profesor Manzano, que presenta como exemplos das medidas que se están a tomar o Panel Intergubernamental sobre Cambio Climático e o Protocolo de Kioto.
“O futuro debe ir cara unha maior concienciación dos problemas medioambientais e á adopción dunha actitude de seriedade por parte dos poderes públicos á hora de deseñar ferramentas para enfrontar o problema” apuntou Baltasar Manzano.
Contido do workshop
Ao longo de dúas sesións, os distintos grupos de investigación analizarán os instrumentos de intervención pública en cuestións medioambientais. O profesor Manzano apuntou que “este workshop analiza un tema complicado, posto que o principal causante das emisións, os combustibles fósiles, son ao mesmo tempo un recurso esencial para o funcionamento da economía e o mantemento do emprego”.A primeira das conferencias presenta unha panorámica xeral da situación actual no mercado internacional do cru, destacando a súa importancia para a marcha da economía, e concluíndo que o importante aumento dos prezos ao que nos estamos a enfrontar non suporá unha nova crise do petróleo.
Por outra banda, un segundo grupo de investigadores aporta a esta reunión estudos sobre o papel dos impostos medioambientais, analizando, o seu efecto sobre o crecemento económico e os estándares de consumo da sociedade, xa que, tal como afirma Baltasar Manzano, “hai que ter presente que a sociedade está preocupada pola conservación da natureza, pero ao mesmo tempo non parece disposta a perder calidade de vida”.
As limitacións dos mercados de emisións e o alcance das políticas de I+D á hora de usar eficientemente os recursos non renovables serán os temas que pechen este simposio.
Rede da Universidade de Vigo
Baltasar Manzano destaca a importancia que o grupo Rede de investigación en economía, enerxía e medio ambiente, posta en marcha pola Facultade de Económicas, ten a nivel mundial. “En Vigo hai xente que traballa moi intensamente na análise do cambio climático, un dos problemas máis graves aos que se enfronta a humanidade nestes días”, asegura Manzano.Rede xa ten organizado outros congresos, tanto nacionais como internacionais, sobre cuestións relacionadas co cambio climático e coa economía, pero “a importancia deste workshop reside en que se centra en aspectos macroeconómicos, como poden ser o PIB ou o consumo das familias, entre outros”