DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O autor ten, baixo o nome de "Liken", unha longa experiencia no eido do graffiti

Unha exposición de láminas en tinta chinesa ridiculiza os intentos do ser humano por controlar o cosmos

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Marta Casanova DUVI 18/02/2008

Virus transxénicos debuxados en tinta china conforman a exposición de láminas Liquen/microbiontes. Tintas e auga que, a modo de bestiario, permanecerán nas paredes da Biblioteca Central ata o vindeiro 14 de marzo. Con estes seres, o artista, Liken, pretende transmitir a idea de que o home non pode controlar o mundo e vencer ao caos e o mero feito de intentalo non ten sentido, porque está condenado a fracasar.
En palabras do propio autor, “a obra fala de xeito global do control do home sobre si mesmo, a persecución e o enfrontamento co entorno, ou os intentos de querer controlar o universo e o descoñecido a través da tecnoloxía. Evidentemente isto é unha estupidez e, ao final, trúncase en caos e frustración” explicou Liken.
O feito de facelo nunha colección de 10 láminas reitera a percepción do público de “monotonía, repetición e rutina”. En canto á técnica, empregando auga e tinta china, “forma parte desta viaxe experimental, xogo con saturación e espazos valeiros, hai moito contraste, mestúrase a liña e a mancha.Todo para ir máis aló do antropomorfismo, sen esquecer o humor, no estilo cómico das formas” comentou o artista.

"Liken", alter ego de Álex Gómez

Álex Gómez é o autor que se esconde baixo o pseudónimo de Liken. Alumno de Belas Artes en Pontevedra, destaca polos seus traballos de graffiti e pintura mural ao longo de todo o mundo. Súas son as obras que decoran as paredes de diversos espazos que van dende pubs de moda en distintas cidades ata a fachada dunha residencia de estudantes en Santiago de Compostela, pasando por colaboracións en festivais como o de Arte Bastardo en Italia. Ademais tamén é o autor de ilustracións para publicacións internacionais como a inglesa Street Logos e ten colaborado con revistas e producións audiovisuais.