‘Fotosensíbeis’ poderá visitarse no Pazo da Cultura entre o 25 de abril e o 18 de maio
Unha exposición reúne fotografías realizadas polo alumnado de Belas Artes ao longo de 30 anos
Comisariada polo antigo docente da facultade Manuel Sendón
Organizada polo Concello de Pontevedra, coa colaboración da Facultade de Belas Artes, a exposición Fotosensíbeis achegará ao Pazo da Cultura de Pontevedra un conxunto de fotografías realizadas ao longo de preto de tres décadas por alumnos e alumnas de Belas Artes. A exposición ten como comisario ao fototohistoriador Manuel Sendón, profesor da facultade ata a súa xubilación, e reúne un conxunto de traballos realizados por 31 artistas de diferentes xeracións durante a súa etapa de formación neste centro.
Presentada este martes no Concello por Sendón e o concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, Fotosensíbeis celebrará a súa inauguración este venres 25 de abril ás 18.00 horas e poderá visitarse ata o 18 de maio. Dirixida a amosar as posibilidades da fotografía como medio de produción artística, reúne unha “escolma de traballos que se iniciaron e remataron na clase”, xunto cunha selección de traballos de fin de grao dirixidos por Sendón e outros realizados no Grupo de Investigacións Fotográficas da Universidade de Vigo, do que foi investigador principal.
Baixo a coordinación de Vaciocero, esta exposición permitirá coñecer unha serie de fotografías realizadas por 23 antigas alumnas e oito egresados, entre os que se atopan nomes como Maruxa Fernández, Elena Fernández Prada, Salvador Cidrás, Fran Herbello, Belén Gómez, Olalla García San León ou Victoria Diehl. Nese senso, o concelleiro de Cultura destacou esta exposición como unha oportunidade única para coñecer os primeiros traballos de artistas que rematarían sendo internacionalmente recoñecidas, como Diehl ou Herbello.
A exposición verase complementada por unha serie de actividades coordinadas por Vaciocero, como visitas guiadas á mostra ou dous obradoiros que teñen como punto de partida as fotografías reunidas nesta mostra.