Ata o vindeiro 14 de decembro na Sala X
A Facultade de Belas Artes acolle a XVIII edición da exposición “Circuítos 2006”
Ata o vindeiro 14 de decembro poderase visitar a exposición Circuítos de Artes Plásticas e Fotografía 2006, inaugurada, nas últimas horas, na Facultade de Belas Artes do campus de Pontevedra. A iniciativa, que este ano alcanza a súa XVIII edición, é posta en marcha pola Dirección Xeral de Xuventude da Comunidade de Madrid para impulsar a creación plástica e visual a través de diversas actuacións, estimulando deste xeito o desenvolvemento cultural e profesional dos novos creadores madrileños. Ao igual que en ocasións anteriores, Circuítos viaxa a varias cidades españolas para difundir as obras seleccionadas, así como para dar a coñecer o Centro de Arte Xoven da Comunidade de Madrid como un espazo de encontro e referencia para o arte contemporáneo.
Trece foron os artistas seleccionados para formar parte de Circuítos 2006, unha exposición itinerante que reúne fotografías, creacións pictóricas, vídeos e instalacións. A mostra caracterízase polo seu afán innovador, arriscado e afastado de patróns preestablecidos. Maribel Castro, Maite Camacho, Marlon de Azambuja, Óscar Castellanos, Ángel Hernández Tuset, Elena de la Rúa, Fernando Martín Godoy, María García Ibáñez, Natalia Martínez Herrero, Lorena Gómez Rubio, Miriam Arroyo Olarte, Fernando Arrocha e Ángela Cuadra, compoñen o mosaico creativo desta exposición.
Na inauguración estiveron presentes o vicerreitor do campus de Pontevedra, Jesús Hernández; o decano da Facultade de Belas Artes, Ignacio Barcia e o coordinador da Sala X e comisario da exposición, Xosé Manuel Buxán.
A selección das obras
O xurado para seleccionar as obras que compoñen esta mostra está formado por Lorena Martínez, Antonio Fernández e Javier Viver Gómez. O encargo de escoller as obras non foi unha tarefa sinxela senón “difícil porque cada vez que seleccionaba a un artista significaba dicir que non a outros, tan interesantes coma os elixidos”, explica Lorena Martínez.Dentro das obras escollidas, cabe destacar a de Maribel Castro, ex alumna da Facultade de Belas de Pontevedra, que basea o seu traballo nunha observación directa e meticulosa dos aspectos da realidade que conviven na nosa complexa sociedade urbana contemporánea. Na súa obra, Unha habitación con vistas, capta e recrea imaxes e situacións que leva ata extremos reais e ficticios para que poidamos comprendelas.