A Facultade de Ciencias celebrou a graduación de 42 novos profesionais en alimentación, agricultura e física
Rosa María González e Gonzalo Astray recibiron os Premios Xulia Franco ás mellores teses de licencia
“Que as vosas ilusións se fagan realidade, proxectade con imaxinación o voso futuro”, ese foi o desexo do decano da Facultade de Ciencias, Juan Carlos Mejuto, para os 42 estudantes das titulacións de Física, Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, Enxeñería Técnica Agrícola e do Máster en Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria que este xoves celebraron a súa graduación.
O acto deu comezo coa entrega dos Premios Xulia Franco dos cursos 2007-2008 e 2008-2009. Estes galardóns premian as mellores teses de licenciatura presentadas durante o ano. Nesta ocasión os galardoados foron Rosa María González, pola súa tese Presencia de residuos fungicidas e insecticidas en muestras comerciales de hortalizas de hoja e Gonzalo Astray coa tese Estudio espectrofotométrico de la inclusión de aromas de interés alimentario en Beta-Ciclo dextrinas.
A continuación, interviron os representantes das catro promocións que se graduaban. Este é o momento no que se adoitan escoitar os relatorios máis emotivos e as principais dúbidas sobre o futuro, “non sabemos onde estaremos o día de mañá, pero si que quereríamos estar onde nos corresponde”, dixo Elisa María Álvarez, de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos.
Na recta final do acto, chegou o momento polo que todos estaban alí, a entrega de bandas, diplomas e insignias que os acreditan como graduados. Das mans do vicerreitor de Planificación, José Cidrás; do vicedecano de Planificación, Pedro Antonio Araújo; do decano, Juan Carlos Mejuto; do vicedecano de Organización Académica, José Manuel Domínguez e do profesor Elías Berriochoa, un a un os estudantes foron baixando e recibindo os merecidos premios polo seu esforzo e traballo durante estes anos.
Bos consellos para o futuro
Tanto Mejuto como Cidrás ofreceron aos agresados bos consellos para afrontar a nova etapa que comezan e destacaron de xeito especial que nas súas mans está mellorar a nosa sociedade. O decano ofreceu tres receitas de éxito “co cariño dun pai que veu medrar aos seus fillos”. En primeiro lugar animou aos graduados a “descubrir os vosos soños, pensade en grande e perseguilos”. O segundo dos seus consellos alentounos a ser diferentes, “sede distintos, atrevédevos a ir contracorrente”. Por último, Mejuto, indicoulles que para cambiar o mundo “hai que comezar por nós, polo pequeno e por hoxe mesmo”.Pola súa banda, o vicerreitor de Planificación, incidiu fundamentalmente na importancia de que novas promocións saían á rúa, xa que neste feito “é onde a cidade ve que a universidade está ao servizo da sociedade”. O campus de Ourense amosa especialmente esa implicación coa cidadanía, “traballando sempre sobre tres piares: formación, investigación e docencia”. Por último, Cidrás deu os seus parabéns aos estudantes, afirmando que “hoxe todos nos sentimos orgullosos e presumimos do voso esforzo”.