DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O vicerreitor do campus de Pontevedra, Jesús Hernández, presidiu o acto de graduación

A Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte despide 293 novos titulados

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Esmeralda L. Castro DUVI 16/04/2010

Pechar un ciclo vital para abrir outro tanto ou máis importante foi o que lles tocou hoxe aos 293 novos titulados da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Son a 35ª promoción de diplomados en Ciencias da Educación e a 8ª de licenciados en Ciencias da Actividade Física e do Deporte. Con nervios, emoción e os primeiros indicios de nostalxia recibiron as súas bandas e diplomas nun acto de graduación presidido polo vicerreitor do campus, Jesús Hernández; o decano da facultade, José María Cancela; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete.
En primeiro lugar, o vicerreitor felicitou tanto aos egresados como ás familias que os apoiaron. Deseguido, en nome do reitor e da Universidade, transmitiulles o “orgullo” que supón ver ano a ano o Pazo da Cultura tan ateigado. Animounos a loitar por aquilo no que cren e, desde o ámbito profesional para o que se formaron, “contribuír a cambiar un modelo de educación no que nunca se aumenta o orzamento e mesmo se recorta”. Aos diplomandos amosoulles a admiración que sente pola súa profesión, “a de ser eses mestres que de nenos nos fan pensar por primeira vez” e, aos licenciados, alentounos a desenvolver con empeño “a difícil tarefa de educar no deporte a unha sociedade estática, acostumada a tombarse diante da televisión”.
Pola súa parte, o decano salientou o apego que se lles ten aos estudantes, “porque cada grupo e único e séntese nostalxia por el”. Por iso pediulles que seguisen vinculados á facultade, “un centro activo e atento aos procesos cambiantes da globalización, a través do que podedes mantervos informados”. Desexoulles moito éxito e pediulles tamén que desempeñasen a súa profesión “con compromiso social”.

Consellos e bromas dos padriños

Os padriños das promocións quixeron tamén achegarlles algúns consellos e lembrar momentos compartidos. O profesor Roberto Barcala, padriño dos diplomados en Educación Infantil, Primaria, Física e Musical, bromeou coa afección do alumnado á marcha nocturna. “Os días de maior carga lectiva foros os xoves, entre a praza do Teucro e a aula magna do pub Caravás”, comentou, para poñerse serio deseguido. Remarcou as responsabilidades da profesión de educador, “pois detrás de cada persoa hai ducias de mestres”, e insistiu en que o título “é só un papel, que hai que renovar cada día”.
Exerceu de padriño dos licenciados en Ciencias da Actividade Física e do Deporte o profesor Carlos Lago, que lles pediu que “traballen como unha tribo, colexiados e mantendo o contacto, para facer visible unha profesión aínda pouco coñecida”.

Entrega de diplomas e lembranza de anécdotas

Tras as intervencións procedeuse á entrega de diplomas e á imposición de bandas, azuis para os diplomados en Ciencias da Educación e verdes para os licenciados en Ciencias da Actividade Física e do Deporte.
Despois do protocolo foron os alumnos e alumnas os que tomaron a palabra. Deborah Gulín, Verónica Pazo e Igor Clemente falaron en nome das diplomaturas e Mari Paz Álvarez e Pablo Fernández foron os representantes da licenciatura. Déronlles as grazas aos profesores e ás familias, amosaron a súa incerteza ante a nova etapa que comezan e, sobre todo, fixeron rir a todos lembrando múltiples anécdotas.
Bromearon sobre “algúns problemas técnicos sen importancia da facultade” como o “efecto invernadoiro” ou o “overbooking das aulas”. Lembraron a principal norma que aprenderon: “non pisarás a pista de atletismo porque custou un diñeiral”. Citaron como lugar favorito a cafetaría, “núcleo de fortificación de relacións e de frutificación de novas teorías”. e repasaron algunhas frases célebres repetidas polos docentes nas clases como “hai que fiar máis fino” ou “silencio, a aula é un templo”.
Finalmente, todo o auditorio se puxo en pé para pechar o acto co Gaudeamus Igitur.